Medio Rural destina máis de 2,6 M€ para fomentar actividades de información e promoción de produtos agroalimentarios de calidade
A Consellería do Medio Rural publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución destas achegas, que buscan fomentar o consumo de alimentos galegos con selo de calidade
As subvencións permitirán desenvolver diversas iniciativas, como accións de promoción, participación e organización de feiras, realización de estudos de mercado ou celebración de xornadas divulgativas, entre outras actividades
Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2025
A Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución da Axencia Galega de Calidade Alimentaria pola cal se dan a coñecer as axudas concedidas para fomentar a cooperación en actividades de información e promoción dos produtos agrícolas e alimenticios galegos acollidos a réximes de calidade.
Estas achegas, que contan cun orzamento superior aos 2,6 millóns de euros, enmárcanse no Plan Estratéxico da PAC 2023-2027 e teñen como obxectivo promocionar e impulsar o consumo destes produtos, recoñecidos pola súa excelencia.
Nesta convocatoria resultaron beneficiaras 14 entidades, entre as que destacan os cinco Consellos Reguladores das Denominacións de Orixe dos viños de Galicia, as IXP de Ternera Gallega, Mel de Galicia e Castaña de Galicia; así como o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega).
As subvencións permitirán desenvolver accións de promoción, participación e organización de feiras, estudos de mercado, xornadas divulgativas e outras actividades integradas dentro de proxectos de cooperación que contribúan a reforzar a presenza e o valor dos produtos galegos con selo de calidade no mercado.
Ligazón á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250827/AnuncioG0528-190825-0001_gl.html