A Xunta contribúe con algo máis de 110.000 euros do fondo de compensación ambiental a varias actuacións no Concello das Somozas
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, supervisou esta mañá a intervención de mellora realizada no local social do Fronzal
Ademais desta actuación, financiouse a ampliación do peche perimetral da piscina municipal e sufragáronse os gastos de contratación de persoal para o funcionamento de diferentes servizos municipais
As Somozas (A Coruña), 29 de agosto de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o local social do Fronzal, nas Somozas, onde o Concello vén de executar obras de mellora grazas a unha achega de máis de 110.000 euros da liña non competitiva das axudas do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) do pasado ano.
A intervención, valorada en algo máis de 38.000 euros, consistiu no acondicionamento do inmoble -unha das escolas unitarias coas que conta o municipio- como aula da natureza para así dispoñer dun espazo nun entorno rural no que desenvolver obradoiros e charlas veciñais vinculadas á concienciar aos veciños sobre o coidado do medio ambiente.
Posteriormente, acompañada polo alcalde da localidade, Juan Alonso Tembrás, a responsable autonómica desprazouse á piscina municipal onde, con cargo tamén a esta liña de axudas da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, ampliouse o peche perimetral das instalacións, dotando á área recreativa existente de maior espazo. Ademais coa axuda sufragáronse os gastos de contratación de persoal para o funcionamento de diferentes servizos municipais.
Durante a visita ao municipio, a delegada territorial advertiu da importancia de estar ao carón das Administracións locais con actuacións como estas que optimicen os seus recursos e lembrou que o Fondo de Compensación Ambiental foi creado para distribuír o canon eólico en beneficio da conservación e restauración da contorna, así como do reequilibrio territorial.