A Xunta adxudica por máis de 330.000 euros a execución das obras dunha senda peonil en Pazos, no concello de Ponteceso

O obxectivo da intervención é a construción dunha senda peonil en Pazos, na marxe esquerda da estrada AC-419, entre o punto quilométrico 2+990 e o 3+350

O proxecto tamén abrangue a habilitación dunha zona de aparcamento, dous pasos de peóns e un reforzo da sinalización

O Goberno galego financiará estes traballos coa achega do 70% do orzamento, e o Concello aportará o investimento restante, preto de 120.000€

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2025

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas vén de adxudicar, por un orzamento de 332.310 euros a execución das obras dunha senda peonil en Pazos, no concello de Ponteceso.

Con este contrato, adxudicado á empresa Cosmalca, S.L.,  trátase de construír un itinerario peonil  de na estrada AC-419, no treito que vai desde o punto quilométrico 2+990 ata o 3+350.

Executaranse unha senda peonil pola marxe esquerda da travesía, unha zona de aparcamento, dous pasos de peóns e un reforzo da sinalización existente.

Estas intervencións pretenden mellorar a seguridade viaria na zona de circulación, dar continuidade ao itinerario peonil existente e executar pasos de peóns seguros.

O departamento que dirixe María M. Allegue financiará estes traballos coa achega do 70% do orzamento, e o Concello de Ponteceso aportará o investimento restante.

Este proxecto desenvólvese ao abeiro do Plan Hurbe, un programa da Xunta que impulsa actuacións de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de equipamentos públicos para contribuír á revitalización do territorio. En concreto, a actuación englóbase nas actuacións de urbanización e mellora de espazos públicos que se inclúen neste programa.

Este programa impulsado polo Goberno galego tamén posibilita reforzar o atractivo das aldeas, vilas e municipios, o que redunda na mellora da calidade de vida da veciñanza, no reforzo da competitividade económica e na fixación de poboación, especialmente no rural.

Data de actualización: 07/09/2025