O presidente da Xunta de Galicia puxo en valor este tipo de aproveitamentos como parte do modelo sostible e ferramenta clave na loita contra os incendios

Rueda destaca o apoio da Xunta ás explotacións afectadas polos incendios e reivindica o valor da gandería en extensivo e das razas autóctonas

Subliña as liñas de axudas postas en marcha, que cobren o 100% do investimento e chegan ata os 200.000 euros por persoa

Puxo en valor a habilitación de inmediato dun mecanismo de urxencia para garantir o alimento ao gando, ademais do reparto de máis de 93 toneladas de forraxe entre 15 concellos afectados que incluíu pacas, rolos e tráilers de herba seca e palla

Quiroga (Lugo), 5 de setembro de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez Rodríguez, visitou hoxe a explotación do gandeiro Mario Nogueira en Quiroga, que conta con máis de 200 cabeza de gando, entre as que se inclúen exemplares da raza autóctona cachena. Durante a súa visita, puxo en valor o esforzo e compromiso das persoas que manteñen viva unha actividade esencial para o rural galego: “É fundamental escoitar a quen realmente sabe, os que viven do monte e no monte. Son os que coñecen perfectamente o que pasa, por que pasa, como se pode facer para evitalo ou que causen o menor dano posible. Así que eu veño tamén para escoitar”, apuntou o presidente.

O presidente lembrou que esta foi unha das zonas afectadas polos incendios do pasado mes de agosto, concretamente polo lume que se iniciou en Larouco e que calcinou máis de 30.000 hectáreas, e que no caso desta explotación provocaron importantes perdas en pastos e forraxe. A Xunta habilitou de inmediato un mecanismo de urxencia para garantir alimento ao gando, que permitiu repartir máis de 93 toneladas de forraxe en 15 concellos, entre elas, pacas, rolos e tráilers de herba seca e palla.

No marco do paquete de apoio da Consellería de Medio Rural, puxéronse en marcha liñas de axuda distintas, que cobren o 100% do investimento cun límite de 200.000 euros por persoa e con posibilidade de acceder a varias delas: “Esa axuda que xa empezamos a dar desde o primeiro momento foi fundamental. Agora toca facer unha avaliación máis polo miúdo e que os gandeiros poidan solicitar as axudas, que chegan ata os 200.000 euros”, salientou Rueda.

O titular do Goberno galego aproveitou a visita para poñer en valor a gandería en extensivo como modelo sostible, con futuro e clave para a protección do territorio fronte aos incendios, e lembrou que os pasteiros actúan como barreiras naturais. Neste senso, o Plan de Pastos de Galicia leva mobilizadas desde 2020 máis de 1.930 hectáreas en 80 pasteiros, cun investimento de preto de 10,5 millóns de euros, ás que este ano se suman outras 519 hectáreas en 26 novos pastizais, cun orzamento adicional de 4 millóns: “Hai que vivir e hai que explotar economicamente. É unha boa ocasión para que as cousas que poden funcionar mellor, o fagan”, remarcou.

Tamén fixo fincapé na importancia das razas autóctonas, como a vaca cachena, que considerou patrimonio cultural e identitario de Galicia. Este ano púxose en marcha por primeira vez unha orde de subvencións específicas para apoiar a recría de razas autóctonas ameazadas, cun investimento de 390.000 euros, así como convenios asinados con distintas entidades que supoñen un investimento conxunto de máis de 2,5 millóns de euros para a súa conservación, recuperación e fomento.

A importancia da remuda xeracional

Ademais, subliñou que Galicia non pode entenderse sen o seu rural nin sen as persoas que manteñen vivas as tradicións e, ao mesmo tempo, impulsan un futuro sostible e innovador, como nesta explotación: “Este é un gran exemplo de empresa familiar. Eu agardo que isto se consolide e que os fillos deixen pequenos aos pais. Que todo o que fixeron o fagan aínda mellor e con novas ideas e dando máis vida a esta gran zona de Galicia que temos que preservar”, rematou o presidente.

Data de actualización: 05/09/2025