A Xunta destaca en Expo Prado que a comunidade galega no Uruguai tamén é motor económico e ponte de oportunidades
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou na principal feira agroindustrial do Uruguai para coñecer de primeira man a presenza española e galega e acompañar a colectividade e o empresariado galego presente no país
Montevideo (O Uruguai), 5 de setembro de 2025
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, xunto coa delegada da Xunta no Uruguai, Elvira Domínguez, participou hoxe na feira internacional Expo Prado 2025 que se celebra estes días en Montevideo, co obxectivo de apoiar a colectividade galega e acompañar a representantes do empresariado galego presentes na cita.
En concreto, Miranda visitou o pavillón de España, onde coñeceu diversas iniciativas de promoción empresarial e institucional e conversou con representantes da colectividade galega vinculados a distintos sectores económicos.
Durante a visita, o secretario xeral puxo en valor “a presenza activa da comunidade galega tamén no ámbito empresarial e produtivo, como exemplo da capacidade de integración, emprendemento e contribución ao desenvolvemento económico dos países de acollida”.
Miranda destacou, así mesmo, o interese da Xunta por reforzar os vínculos comerciais e culturais co Uruguai e por aproveitar estes espazos de encontro como ponte para novas oportunidades de colaboración, tanto para o retorno emprendedor como para a proxección exterior das empresas galegas.