A Xunta destina 8,5 M€ a case unha vintena de infraestruturas de carácter estratéxico das axudas do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local

Ao abeiro desta medida, o Goberno galego financia actuacións en infraestruturas locais que trascenden o ámbito municipal e son fundamentais para a mellora dos servizos que prestan as entidades locais

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2025

A Xunta vén de comunicar ás entidades locais beneficiarias da convocatoria do Fondo de Cooperación Local (FCL) destinada a investimentos en infraestruturas municipais de carácter estratéxico, as achegas aportadas polo Goberno galego ás súas iniciativas presentadas. A dotación para esta liña de acción ascendeu a 8,5 millóns de euros e resultaron beneficiarios 19 proxectos estratéxicos. A través desta orde, o Goberno galego apoia o impulso de iniciativas que transcenden o ámbito municipal e que contribúen a fomentar a economía e a industria dos concellos galegos e a transformar de maneira transversal outros ámbitos como o turismo, o deporte ou o medio ambiente.

Canto ás axudas deste ano, destacan as actuacións relacionadas con melloras de instalacións deportivas. É o caso dos traballos previstos no pavillón de San Marcos, en Abegondo; no complexo deportivo Montegolf en Arteixo, que realizou petición conxunta con A Coruña e Culleredo; no complexo deportivo de Tarela, en Porto do Son; no polideportivo municipal do concello de Barbadás; no complexo deportivo Álvaro Pino de Ponteareas; así como as melloras das infraestruturas municipais deportivas presentadas polos municipios pontevedreses de Valga e Vilanova de Arousa.

Tamén se crearán novas instalacións destinadas á práctica deportiva como é o caso dun centro de adestramento deportivo especializado en Cedeira, un novo campo de fútbol de herba artificial en Toén e a creación de infraestruturas deportivas e outros espazos para facer do río Mao, en Bóveda, un espazo de referencia comarcal de lecer activo e da práctica deportiva ao aire libre. Prevense ademais melloras de seguridade e de adecuación á competición en instalacións da Pastoriza.

Entre os proxectos estratéxicos beneficiarios na convocatoria deste ano, ademais dos relacionados con instalacións deportivas, inclúense outras reformas na Casa Consistorial e na contorna do concello da Laracha, na Escola de Música de Silleda, na praza do Campo de Zas, no parque multiocio da Pesqueira de Mos, así como as rehabilitacións da sede da Mancomunidade de Ordes e do centro loxístico multiservizos da Mancomunidade do Salnés. A relación de iniciativas beneficiarias complétase coa mellora da estrada de Casoio a Riodolas, en Carballeda de Valdeorras, e coa recuperación paisaxística dos Baños de Ermelo e Sabaxáns, en Mondariz.

No marco desta medida, considéranse estratéxicos os proxectos nas infraestruturas locais fundamentais ou decisivas para a mellora dos servizos, para o desenvolvemento social ou para o equilibrio territorial que teñan repercusión no ámbito supramunicipal ou comarcal. Tamén teñen esta consideración os investimentos en instalacións con transcendencia económica ou industrial en sectores estratéxicos de ámbito local ou comarcal, que incentiven o desenvolvemento empresarial ou que promovan o tecido comercial da zona.

Ademais, inclúense como estratéxicos os proxectos de investimento para a conexión, a reorganización, o agrupamento ou a centralización de edificios destinados á prestación de diversos servizos municipais que teñan como finalidade a mellora do funcionamento administrativo e do acceso á cidadanía á realización de distintos trámites, que funcionen como espazos de encontro e interacción social ou que actúen como eixos para un modelo sustentable de mobilidade urbana.

A Xunta mantén o compromiso cos concellos galegos e só o ano pasado distribuíronse máis de 32 millóns de euros para a execución de case 700 proxectos municipios mediante as liñas de axudas específicas como a Orde de infraestruturas de uso público, o Fondo de Compensación Ambiental, a orde de axudas de eficiencia enerxética cofinanciada con fondos Feder ou o Fondo de Cooperación Local, no que se enmarca esta liña dirixida a proxectos estratéxicos. Dos 303 concellos solicitantes, 292 -máis do 90%- percibiron axudas.

Este 2025 os municipios galegos tamén viron incrementado o apoio que supón o Fondo de Cooperación Local ata os 168 millóns de euros -co fondo base e o adicional-, 10 millóns máis que neste exercicio. Ademais, o fondo base do FCL incrementouse en 5,4 millóns de euros para repartir entre os concellos de menos de 15.000 habitantes, que son os que precisamente teñen menos ingresos, os que máis dependen das transferencias doutras administracións e os que teñen menos capacidade de aforro.

A través do FCL, a Xunta trata de compensar o desfase que ocasionan as particularidades dos municipios galegos como son a demografía ou a dispersión xeográfica. Por iso, o Goberno galego vén reclamando ao Executivo estatal a negociación dun novo modelo de financiamento local ao mesmo tempo que se aborda a financiación autonómica e tendo en conta as particularidades de cada territorio. 

Data de actualización: 18/09/2025