Preto de 60 nenos e nenas participan en Ferrol nas actividades promovidas pola Real Federación Galega de Fútbol a través do Plan Corresponsables da Xunta

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou aos participantes que estes días desenvolven as actividades no complexo deportivo Javier Gómez Noya, de Caranza

A través do Plan Corresponsables, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes promove a conciliación ao habilitar servizos de coidado profesional ao tempo que fomenta a práctica deportiva entre a poboación máis nova

Ferrol, 18 de setembro de 2025

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta tarde aos participantes das actividades de animación sociodeportiva que a Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) está a desenvolver no complexo deportivo Javier Gómez Noya, en Caranza, no marco do Plan Corresponsables no ámbito do deporte promovido pola consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

A iniciativa, na que toman parte uns 60 de nenos e nenas de entre 12 e 16 anos, consiste en poñer en práctica nocións básicas de fútbol. Durante a visita, na que estivo acompañada polo presidente e o delegado comarcal da RFGF, Pablo Prieto e Abraham Yáñez, respectivamente, a delegada territorial comprobou algúns dos coñecementos adquiridos polos participantes, así como o grao de satisfacción con esta actividade que a federación tamén desenvolve simultaneamente no estadio de Río Seco, en Narón.

A delegada territorial puxo en valor programas como o Plan Corresponsables en tanto supoñen unha alternativa máis para favorecer a conciliación no ámbito familiar, ofrecendo servizos de coidado profesional con actividades de animación sociodeportivas, á vez que fomenta a práctica deportiva entre a poboación máis nova, achegando distintas modalidades e favorecendo a convivencia e o xogo.

Así lembrou que a través do programa fináncianse servizos de coidado profesional con actividades de animación socio-deportivas para nenas e nenos de ata 16 anos. A Real Federación Galega de Fútbol é unha das 16 federacións deportivas galegas beneficiarias este ano do plan, recibindo unha achega de 11.200 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/09/2025