A Xunta reitera en Padrón o seu apoio ás familias galegas do exterior e lembra que o prazo das axudas extraordinarias ao retorno remata o 30 de setembro
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo hoxe un encontro con Lorena García Zaragoza, quen regresou desde A Arxentina xunto coa súa familia co apoio desta convocatoria
Na edición de 2025 presentáronse xa 1.166 solicitudes procedentes de países como Cuba, O Reino Unido, A Arxentina, Suíza, O Brasil, Estados Unidos ou Venezuela
Miranda destacou tamén o papel fundamental no acompañamento ás familias retornadas que desenvolven as oficinas de retorno
Padrón (A Coruña), 23 de setembro de 2025
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo hoxe en Padrón un encontro con Lorena Evangelina García Zaragoza, beneficiaria das axudas extraordinarias ao retorno da Xunta, quen regresou desde A Arxentina xunto coa súa familia para reintegrarse en Galicia.
Miranda destacou que esta familia representa perfectamente o efecto tractor destas axudas, que permiten o regreso conxunto de varias xeracións e favorecen a súa plena integración en Galicia. No caso de Lorena, regresou acompañada do seu marido, dous fillos, un sobriño e seu pai.
O responsable autonómico subliñou que as axudas extraordinarias non son só unha cifra orzamentaria, son a chave que lle permite a familias como a de Lorena iniciar unha nova vida en Galicia con seguridade e dignidade. Así mesmo, puxo en valor que este apoio non só facilita cubrir os primeiros gastos de instalación e acompañar aos beneficiarios nos trámites iniciais, senón que tamén serve como punto de partida para acadar unha estabilidade laboral e vital.
Na convocatoria de 2025 presentáronse xa 1.166 solicitudes procedentes de países como Cuba, O Reino Unido, A Arxentina, Suíza, O Brasil, Estados Unidos ou Venezuela.
O prazo de presentación destas axudas extraordinarias permanecerá aberto ata o 30 de setembro, polo que Miranda animou ás familias galegas do exterior interesadas a solicitalas canto antes. Ademais, asegurou que a Xunta seguirá reforzando estas axudas para que ningunha familia que queira volver quede atrás e convidou tamén ás persoas xa instaladas en Galicia a achegarse ás oficinas de retorno para recibir información e completar os trámites necesarios.