A Xunta inviste preto de 750.000 euros na mellora da pavimentación da estrada autonómica AC-151 ao seu paso polo municipio de Monfero

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, supervisou esta mañá os traballos centrados na rehabilitación superficial do firme

Está é unha das cinco vías autonómicas do ámbito da Delegación na que está a actuar a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas nos últimos meses cun investimento de 3,5 M€

Monfero (A Coruña), 24 de setembro de 2025

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada da directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire, supervisou hoxe a execución das obras de mellora da pavimentación que o departamento autonómico está a acometer na estrada AC-151, ao seu paso polo municipio.

Os traballos, valorados en case 750.000 euros, céntranse na rehabilitación superficial localizada do firme desta estrada, restaurando e mellorando as características superficiais do pavimento, adecuándoas as necesidades funcionais e de durabilidade.

A delegada territorial sinalou que esta é unha das cinco estradas autonómicas da área da Delegación que a Administración autonómica está a acondicionar nos últimos meses, xunto á AC-862, AC-100, AC-102 e AC-112. O investimento conxunto ascende a máis de 3,5 M€.

Martina Aneiros lembrou que o Goberno galego continúa a traballar para manter as vías de titularidade autonómica nas mellores condicións e para garantir a seguridade viaria aos usuarios, incrementando este ano en máis dun 30% as partidas destinadas a súa conservación máis de 68 M€.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/09/2025