A Xunta investirá case 320.000 € na mellora da cuberta e da fachada do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participaron hoxe de xeito telemático nunha reunión extraordinaria do Padroado da Fundación Feiras e Exposicións de Lugo

No encontro puxéronse en valor as obras que se levarán a cabo no recinto feiral en 2026 cun orzamento superior aos 700.000 € cofinanciados entre a Xunta, a Deputación e o Concello de Lugo, tras as previstas este ano por case 255.000 euros

O Goberno galego aposta por potenciar os recintos feirais no marco do seu Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, avogando pola suma de esforzos e de sinerxías e por que sexan referentes de demostración tecnolóxica e de innovación

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2025

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe de xeito telemático nunha reunión extraordinaria do Padroado da Fundación Feiras e Exposicións de Lugo na que se aprobou a segunda fase das obras de mellora do recinto feiral lucense. Segundo destacou o director xeral, a Xunta achegará en 2026 preto de 320.000 euros dos máis de 700.000 € consignados tanto polo Goberno galego como pola Deputación e o Concello de Lugo para avanzar principalmente na mellora da fachada e das cubertas de acceso aos pavillóns.

Estes traballos sucederán aos que se están a realizar este ano no lucernario, nos baños e para avanzar na protección fronte aos incendios por un importe global de preto de 255.000 euros, dos que a Xunta aporta máis de 114.000 €. Todo para, segundo salientou Alén, potenciar o Pazo de Feiras e Congresos de Lugo no marco dos recintos feirais de Galicia.

Nese senso, cómpre sinalar que —no marco do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030— a Xunta avoga por impulsar os recintos feirais a través da xeración de sinerxías de xestión, captación, coordinación e programación de eventos comerciais. Tamén contempla que se convertan en referentes de demostración tecnolóxica e de innovación a disposición do sector comercial galego.

Data de actualización: 29/09/2025