Galicia pechou 2024 co 100% do orzamento executado e reduciu a débeda en 234 M€

Rueda salienta que o documento confirma a solvencia das contas autonómicas

A Conta Xeral presentada hoxe no Consello mostra que Galicia acadou un superávit do 0,23% do PIB, obtendo unha capacidade de financiamento de 191 M€

A débeda da comunidade situábase, en 31 de decembro, no 14,5% do seu PIB autonómico, superando o obxectivo do 14,9% que o Goberno galego tiña fixado inicialmente

Destaca que Galicia segue a ser referente entre as comunidades que máis rápido pagan aos seus provedores ao rematar 2024 cun período medio de pagamento de 17,32 días, fronte aos 31,15 días de media das CC.AA.

Sinala que no 2024 a Comunidade experimentou un grande aumento do aforro bruto, acadando un total de preto de 1.577 M€, o que permite destinar máis recursos a investimentos

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que a Conta Xeral da Comunidade Autónoma correspondente ao exercicio 2024 amosa que Galicia pechou o ano co 100% do orzamento executado -case 900 millóns de euros máis que en 2023- e logrou reducir a súa débeda en 234 millóns. Un documento que, segundo resaltou, confirma “a solvencia” das contas autonómicas.

Tal e como explicou o presidente, a Conta Xeral destaca tamén que Galicia acadou “un superávit do 0,23% do PIB”, obtendo unha capacidade de financiamento de 191 millóns de euros. Esta capacidade de financiamento compatibilizouse cunha execución do gasto non financeiro de preto do 100% dos créditos iniciais, aumentando preto de 853 millóns con respecto ao exercicio anterior.

Así mesmo, mostra que a débeda da Comunidade autónoma galega se situaba, en 31 de decembro, no 14,5% do seu PIB autonómico, cumpríndose o obxectivo máximo de débeda que o Goberno galego tiña fixado inicialmente e que era do 14,9%. A minoración da débeda foi de 234 millóns de euros, pasando de 12.170 millóns a finais de 2023 a 11.936 millóns a finais de 2024.

Rueda lembrou que proba da solvencia da Facenda económica é que no 2024 se rescataron catro autovías galegas, o que permitiu aforrar nos orzamentos futuros máis de 300 millóns de euros, xa que a partir deste ano non se aboa peaxe en sombra ás concesionarias.

O titular do Goberno galego tamén destacou que, segundo reflicte o documento, a Comunidade galega cumpre executando o orzamento con mellores indicadores que os territorios da súa contorna, cun crecemento do PIB do 2,8%, medio punto máis do previsto, acadando un nivel do PIB 9 puntos superior ao ano 2019, dous puntos máis que a media española, e coa menor taxa de paro desde 2008, dous puntos inferior á media de España.

Ademais, Galicia lidera un ano máis o esforzo investidor, cun 16,4% do gasto de capital sobre o gasto non financeiro, case o dobre da media.

Na Conta Xeral pódese apreciar que a nosa comunidade segue a ser referente entre as comunidades que máis rápido pagan aos seus provedores. En concreto, rematou o 2024 cun período medio de pagamento de 17,32 días fronte aos 31,15 días de media das comunidades autónomas.

Outra das magnitudes que permiten analizar a xestión orzamentaria e a sustentabilidade das finanzas públicas é o aforro bruto, medido como a capacidade de financiar gastos de capital con ingresos correntes. En 2024, Galicia experimentou un grande aumento do aforro bruto, acadando un total de preto de 1.577 millóns de euros, o que permite destinar máis recursos a investimentos.

Melloras na elaboración das contas

O documento destaca tamén a introdución de diferentes melloras na elaboración das contas, en resposta a varias recomendacións realizadas neste sentido polo Consello de Contas, entre as cales destacan a mellora na información dos beneficios fiscais que se inclúen na Conta, a remisión anual dun informe de seguimento dos expedientes de reintegro derivados das actuacións de control financeiro, a incorporación das certificacións bancarias das contas correntes dos habilitados, a ampliación da información da memoria da Conta Xeral do Sergas e a posta en funcionamento en xaneiro de 2025 do Rexistro de entidades.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/09/2025