A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, interveu hoxe na presentación oficial da aceleradora galega Business Factory Sport (BFSport), especializada no sector do deporte e o benestar

Lorenzana destaca que a rede de aceleradoras da Xunta deu apoio xa a máis de 830 proxectos e leva xerado máis de 1.400 empregos cualificados

A BF Sport comeza o vindeiro luns, e ata o 19 de decembro, a súa fase de aceleración con seis startups seleccionadas dun total de 37 candidaturas que se presentaron ao inicio desta primeira convocatoria

O obxectivo é fomentar a colaboración entre startups, federacións, clubes deportivos, empresas e investidores para impulsar novos proxectos de emprendemento na industria do deporte e levar ao mercado produtos e servizos innovadores cun alto compoñente tecnolóxico

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe que a rede de aceleradoras da Xunta de Galicia, á que se vén de sumar a nova BF Sport, deu apoio xa a máis de 830 proxectos innovadores e leva xerado máis de 1.400 empregos cualificados.

Lorenzana interveu hoxe na presentación oficial da Business Factory Sport (BFSport), a nova aceleradora galega para o sector do deporte e o benestar, que comeza o vindeiro luns, e ata o 19 de decembro, a súa fase de aceleración con seis startups seleccionadas dun total de 37 candidaturas que se presentaron ao inicio desta primeira convocatoria.

A conselleira explicou que a BF Sport, ao igual que en toda a rede de aceleradoras da Xunta, non só busca madurar e acompañar ás startups participantes, senón facilitarlles que poidan traballar coas empresas tractoras e outras entidades colaboradoras nun entorno real, de modo que se converten nos primeiros clientes, en validadores e aceleradores do seu proxecto de negocio.

O seu obxectivo, dixo, é fomentar a colaboración entre startups, federacións, clubes deportivos, empresas e investidores para impulsar novos proxectos de emprendemento na industria do deporte e levar ao mercado produtos e servizos innovadores cun alto compoñente tecnolóxico.

Nas tres convocatorias que vai ter esta aceleradora, salientou, a Xunta, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) destinará máis de 450.000 euros en axudas directas a proxectos en fase de aceleración, ademais de financiar o 80 por cento dos custos operativos do programa. Pola súa banda, Xesgalicia mobilizará ata 4,4 millóns de euros en financiamento para as fases de aceleración e consolidación.

Segundo apuntou, “falar de deporte é falar de saúde, pero tamén de xeración de riqueza e emprego; de economía”, concluíu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/09/2025