A Xunta destaca que máis de 30.000 galegos e galegas de 60 países diferentes recibiron apoios personalizados no marco da Estratexia Galicia Retorna

O secretario xeral da Emigración compareceu hoxe por petición propia na Comisión 1ª Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior do Parlamento, para dar conta das medidas de retorno impulsadas polo Goberno galego

Antonio Rodríguez Miranda reclamou que o retorno se converta nunha política de Estado do mesmo xeito que en Galicia xa é unha política de país: “A nosa Comunidade pasou de ser terra de emigración a consolidarse como terra de retorno e de acollida”

Segundo destacou, as axudas extraordinarias xa apoiaron, con 16 M€, máis de 6.200 familias procedentes de máis de 60 países; mentres o Retorno Emprendedor leva mobilizados máis de 7 M€ para máis de 900 proxectos en 200 concellos

Pola súa banda, as bolsas BEME contan cun investimento de 15 millóns de euros para preto de 2.000 mozos e mozas de máis de 40 países

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2025

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, compareceu hoxe por petición propia na Comisión 1ª Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior do Parlamento de Galicia co gallo de dar conta das políticas de retorno que impulsa a Xunta. Salientou que, desde a posta en marcha da Estratexia Galicia Retorna en 2018, máis de 30.000 galegos procedentes de 60 países diferentes recibiron o apoio personalizado da Secretaría Xeral da Emigración a través das distintas liñas de axuda e programas específicos de integración, formación e emprendemento.

Miranda asegurou que o retorno “non é só un dereito recoñecido, senón tamén unha oportunidade estratéxica para o futuro de Galicia”, xa que reforza o tecido social, laboral e demográfico da Comunidade. Nesa liña, o responsable de Emigración lembrou que a primeira fase da Estratexia (2018–2022) superou con creces o obxectivo inicial de 20.000 retornos, acadando un total de 28.000. Mentres, a segunda fase (2023–2026) duplica recursos e medidas, con máis de 100 accións e un investimento de 450 millóns de euros para favorecer o regreso de 30.000 galegos e galegas. E só no primeiro ano desta etapa, segundo destacou o secretario xeral, retornaron 8.500 persoas, unha cifra récord na historia recente.

Canto ás medidas específicas, Miranda destacou a atención prestada pola Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno, que xa acompañou preto de 32.000 familias. Pola súa banda, as axudas extraordinarias ao retorno consolídanse como unha das medidas máis demandadas da Estratexia Galicia Retorna. Ata o momento, máis de 6.200 familias retornadas procedentes de máis de 60 países beneficiáronse desta liña, que permitiu mobilizar arredor de 16 millóns de euros para garantir unha primeira estabilidade económica ás persoas que deciden regresar á nosa Comunidade. Ademais, puxo en valor o apoio ao emprendemento, con máis de 900 proxectos financiados desde 2014.

Sobre as bolsas BEME, Miranda salientou que se converteron nunha porta de regreso para a mocidade galega do exterior. Cun investimento de máis de 15 millóns de euros, esta iniciativa permitirá que preto de 2.000 mozos e mozas procedentes de máis de 40 países continúen a súa formación e se integren no mercado laboral galego, achegando talento novo e cualificado ao noso tecido económico e social. Tamén con programas como o Merlo ou o Retorna Cualifica Emprego, que conectan retorno con inserción laboral e talento novo.

Finalmente, o secretario xeral da Emigración pediu ao Goberno central que asuma o retorno como política de Estado, tal e como recollen a Constitución e o Estatuto de Autonomía, dotando de máis recursos e competencias ás comunidades autónomas para axilizar trámites e mellorar a integración dos retornados como a homologación de títulos universitarios.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/10/2025