A Xunta finaliza a mellora do firme da estrada LU-530 entre Lugo e Castroverde, á que destinou 2 millóns de euros

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que a intervención incluíu tamén a renovación da sinalización horizontal na travesía de Castroverde, que xa fora acondicionada con anterioridade

Castroverde (Lugo), 3 de outubro de 2025

A Xunta de Galicia vén de rematar as obras de mellora do firme da estrada autonómica LU-530 entre Lugo e Castroverde, ás que destinou 2 millóns de euros. O delegado territorial, Javier Arias, comprobou o resultado dos traballos, executados en 16,4 quilómetros desde o enlace coa autovía A-6 na capital -punto quilométrico 3,6- ata a entrada ao núcleo de Castroverde -no punto quilométrico 20-.

Arias explicou que se procedeu á rehabilitación dos puntos nos que o firme presentaba un esgotamento estrutural, e á extensión dunha nova capa de rodadura de altas prestacións e o repintado das marcas viarias en toda a lonxitude do tramo.

Así mesmo, incluíuse a renovación da sinalización horizontal en toda a travesía de Castroverde, que xa fora acondicionada con anterioridade no marco das obras acometidas entre este punto e o final da vía na Fonsagrada.

O delegado lembrou que o Goberno galego leva investidos nos dous últimos anos 3,2 millóns de euros para  actuar sobre máis de 44 quilómetros de firme, dos 58 que mide a estrada en total. Ademais, incorporáronse outras medidas para incrementar a seguridade do tráfico e dos peóns nas poboacións polas que atravesa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/10/2025