A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe no Porriño as instalacións da empresa Darlim

Lorenzana enxalza a importancia da empresa familiar como sostén da economía de Galicia

Destaca que Galicia ten unha porcentaxe de empresas familiares superior á media española, un 94 por cento, que crea máis do 80 por cento do emprego privado

Indica que a Xunta vai seguir traballando para que as empresas familiares en Galicia sigan tendo un crecemento importante e creando emprego de calidade

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reuniuse hoxe no polígono da Granxa do Porriño (Pontevedra) cos responsables de Darlim, onde enxalzou a importancia da empresa familiar como sostén do tecido produtivo e económico de Galicia.

Lorenzana precisou que a Comunidade ten unha porcentaxe de empresas familiares superior á media española, un 94 por cento, que crea máis do 80 por cento do emprego privado. Ao respecto, recoñeceu que Darlim, con máis de 40 anos de historia é “o exemplo perfecto” para poñer en valor estes datos.

Segundo dixo, é unha empresa que está rexistrando “un crecemento exponencial”, que “traballa para ser líder nacional” no seu sector, e que agora mesmo está a facer un despregamento moi importante en todo o norte de España. Unha firma da que destacou a súa política de benestar laboral.

A conselleira concluíu asegurando que a Xunta vai seguir traballando para que as empresas familiares en Galicia sigan tendo un crecemento importante e creando emprego de calidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/10/2025