Belén do Campo e o alcalde de Vilasantar destacan os proxectos de mellora de viarios agrícolas e de abastecemento que se executarán no concello grazas ao apoio da Xunta
Vilasantar (A Coruña), 6 de outubro de 2025
A delegada da Xunta, Belén do Campo, mantivo hoxe un encontro de traballo co alcalde de Vilasantar, Fernando Pérez no que abordaron os distintos proxectos e axudas comprometidas polo Goberno galego este ano neste municipio.
Concretamente, o alcalde informoulle que, en breve, iniciarán as obras do Plan Camiña Rural, 25-26 a través do cal a Xunta aporta case 57.000 euros para levar a cabo a mellora do acceso a parcelas agrícolas que consistirá no aglomerado do viario que une Viladarcas con Carapetelo. Belén do Campo lembrou que esta orde persegue a mellora de infraestruturas co gallo de xerar cohesión social e territorial, mellorando as condicións de vida e de traballo no medio rural. Neste punto sinalou que “ os camiños rurais facilitan a accesibilidade e vertebración do territorio, reforzan o tecido social e contribúen a mellorar a capacidade organizativa das áreas rurais, dinamizan o tecido produtivo e fixan poboación”.
Na reunión tamén tiveron ocasión de abordar o proxecto que se realizará, cun apoio da Xunta de case 42.000 euros, da orde de axudas para a mellora do sistema de abastecemento municipal 2025, coa que se levarán a cabo varias actuacións para minimizar as perdas de auga no sistema de abastecemento municipal. Neste senso, a delegada explicou con estes apoios “buscamos que as administracións locais beneficiarias poidan cubrir o custo daquelas obras identificadas como máis eficaces para optimizar o funcionamento das súas redes de abastecemento para reducir ao mínimo as perdas de auga detectadas nos propios sistemas”.
Belén do Campo destacou a importancia de manter un diálogo continuo cos representantes das administracións locais e de coñecer de primeira man as súas necesidades para, desta forma, acertar coas iniciativas que vaian en beneficio dos cidadáns.