A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e o xerente da Área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde, supervisou hoxe os traballos
A demolición do Hotel de Pacientes do Chuac entra na súa recta final co acceso de maquinaria especializada
Rematados os traballos de derribo no interior do inmoble, a Xunta está a abordar os de demolición das fachadas e estrutura, co emprego de tres escavadoras con brazos articulados de ata 32 metros de largo
Allegue destaca que esta demolición, unha das actuacións englobadas na primeira fase do Novo Chuac, cun investimento de preto de 1,4M€, execútase da forma máis eficiente e sostible para garantir a actividade asistencial, e a previsión é tela rematada a finais de ano
O derribo do Hotel de Pacientes permitirá á Administración autonómica dispoñer dos terreos necesarios para abordar as obras dos accesos, que inclúen a demolición do paso sobre a AC-12
A conselleira pon en valor o investimento levado a cabo ata agora na primeira fase do Novo Chuac, de 85M€
A Coruña, 7 de outubro de 2025
A demolición do Hotel de Pacientes do Chuac, unha das actuacións englobadas na primeira fase de ampliación do Complexo Hospitalario da Coruña que está a abordar a Xunta, entra na recta final co acceso de maquinaria pesada especializada. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e o xerente da Área Sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde, supervisou hoxe os traballos de demolición, nos que a Administración autonómica inviste preto de 1,4M€.
Na demolición do Hotel de Pacientes, un edificio de dez plantas e 7.500 metros cuadrados de superficie, están rematados os traballos interiores e estase a actuar nas fachadas e estrutura exteriores. A entrada de maquinaria especializada, como destacou a conselleira, permitirá agora axilizar o derribo, mantendo a previsión de que estea rematado a finais deste ano.
Allegue destacou que a demolición proxectouse do xeito “máis eficiente e sostible posible”, optando por un derribo de elemento a elemento, seguindo a orde inversa da construción (de arriba a abaixo) para reforzar as garantías de seguridade e minimizar a afección, tendo en conta que estas obras se realizan mantendo a actividade asistencial no complexo.
Así, nas últimas semanas utilizáronse dous robots teledirixidos e, nesta nova fase, empréganse 3 escavadoras con brazos articulados de hasta 32 m de largo e 80 toneladas, que traballan segundo os requirimentos.
Os robots, manexados a distancia, permitiron acometer con precisión e seguridade traballos nas zonas onde non era posible o acceso dos operarios, ou tamén nas zonas que non reunían as condicións para o traballo con equipos de maior envergadura. Optouse por estes vehículos teledirixidos para as plantas superiores, ante a cercanía dos edificios do complexo.
Agora, na nova fase, xa entrou a maquinaria pesada desde o exterior para a última fase do derribo. Como subliñou Allegue, a demolición do Hotel de Pacientes é un paso necesario para executar outra das actuacións do Novo Chuac, os novos accesos. Concretamente, permitirá á Xunta dispoñer dos terreos necesarios para a construción do anel perimetral e unha das actuacións que conleva, a demolición do paso sobre a AC-12.
A conselleira destacou que as intervencións da primeira fase do Novo Chuac están todas en marcha, cun investimento mobilizado ata agora de 85M€, que sinalou que supón a tripla do orzamento licitado polo Concello da Coruña no pasado 2024. Así, está en servizo o aparcamento provisional, e en obras a urbanización de Pedralonga, os accesos (xa está funcionando o viario de saída provisional á AC-10, cun carril de entrada exclusivo para ambulancias) e tamén en obras a construción da Torre Polivalente.
Lembrou que o Novo Chuac supón a maior investimento nunha infraestrutura sanitaria executada ata o momento en Galicia e converterase nun referente da atención sanitaria para máis de 500.000 pacientes das áreas da Coruña e Cee, cunha previsión de investimento de máis de 500M€.