Medio Rural e o concello de Forcarei reforzan a súa colaboración para mellorar os camiños rurais e activar os traballos nas faixas secundarias
Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, mantivo esta mañá unha reunión coa alcaldesa de Forcarei, Belén Cachafeiro, co obxectivo de poñer en marcha novas iniciativas para impulsar o rural deste municipio.
Na xuntanza abordáronse diferentes temas de interese para este concello, como é un novo proxecto de mellora de camiños rurais ou o impulso á concentración parcelaria de Meavía Quintillán. Así mesmo tamén se falou da necesidade de activar no concello as posibilidades que se ofrecen ao abeiro do convenio de xestión da biomasa nas faixas secundarias que a Consellería mantén coa Fegamp e con Seaga, e ao que Forcarei está adherido; así como outros temas vinculados con maquinaria de incendios forestais.