A Xunta impulsa a creación dun auditorio en Fisterra cunha achega de case 260.000 € a través da liña de apoio a proxectos estratéxicos de 2024
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou hoxe o edificio do antigo mercado municipal, que acolle as novas instalacións culturais
O Goberno galego vén de resolver a convocatoria de 2025, da que se beneficiarán 19 novas iniciativas no conxunto de Galicia
Fisterra (A Coruña), 8 de outubro de 2025
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe Fisterra para coñecer a reforma efectuada na planta alta do edificio do mercado co apoio da Xunta, a través das axudas do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local (FCL) destinadas a investimentos en infraestruturas municipais de carácter estratéxico. O Goberno galego achegou preto de 260.000 euros, a metade do investimento total, superior aos 500.000 euros.
O apoio do Goberno galego permitiu efectuar unha actuación estratéxica no antigo mercado municipal, centrada na adaptación da planta alta para convertela nun espazo polivalente. Segundo sinalou o conselleiro, o obxectivo principal foi o de habilitar infraestruturas culturais esenciais que faltan no municipio: un auditorio de case 200 prazas, un local de ensaios musicais acondicionado, unha sala de xuntas e reunións, e os espazos de aseo correspondentes.
Ademais, reformouse a cuberta para gañar altura e incorporar a tremoia escénica sobre o escenario, unha cabina de control para proxección, luz e son, un almacén para equipamentos culturais do Concello, e fiestras de cuberta para mellorar a iluminación natural. A iniciativa favoreceu a recuperación para a cidadanía e para o sector cultural dun local que estaba en desuso.
A creación deste ‘Mercado Cultural’ foi un dos 20 beneficiarios da convocatoria da liña de apoio a proxectos estratéxicos do ano pasado, dotada con 8,5 millóns de euros. No que respecta á convocatoria de 2025, resolta o mes pasado, Diego Calvo apuntou que permitirá impulsar 19 novos proxectos estratéxicos, cunha dotación aproximada de tamén 8,5 millóns de euros.
A través desta orde, “o Goberno galego apoia o impulso de iniciativas que transcenden o ámbito municipal e que contribúen a fomentar a economía e a industria dos concellos galegos e a transformar de maneira transversal outros ámbitos como o turismo, o deporte ou o medio ambiente” salientou.
Novos proxectos beneficiarios
Así, nas axudas deste ano, destacan as actuacións relacionadas con melloras de instalacións deportivas. É o caso dos traballos previstos no pavillón de San Marcos, en Abegondo; no complexo deportivo Montegolf en Arteixo, que realizou petición conxunta con A Coruña e Culleredo; no complexo deportivo de Tarela, en Porto do Son; no polideportivo municipal do concello de Barbadás; no complexo deportivo Álvaro Pino de Ponteareas; así como as melloras das infraestruturas municipais deportivas presentadas polos municipios pontevedreses de Valga e Vilanova de Arousa.
Tamén se crearán novas instalacións destinadas á práctica deportiva como é o caso dun centro de adestramento deportivo especializado en Cedeira, un novo campo de fútbol de herba artificial en Toén e a creación de infraestruturas deportivas e outros espazos para facer do río Mao, en Bóveda, un espazo de referencia comarcal de lecer activo e da práctica deportiva ao aire libre. Prevense ademais melloras de seguridade e de adecuación á competición en instalacións da Pastoriza.
Entre os proxectos estratéxicos beneficiarios na convocatoria deste ano, inclúense a maiores outras reformas na Casa Consistorial e na contorna do concello da Laracha, na Escola de Música de Silleda, na praza do Campo de Zas, no parque multiocio da Pesqueira de Mos, así como as rehabilitacións da sede da Mancomunidade de Ordes e do centro loxístico multiservizos da Mancomunidade do Salnés. A relación de iniciativas beneficiarias complétase coa mellora da estrada de Casoio a Riodolas, en Carballeda de Valdeorras, e coa recuperación paisaxística dos Baños de Ermelo e Sabaxáns, en Mondariz.
Compromiso cos concellos
Diego Calvo incidiu no compromiso cos concellos galegos mediante as liñas de axudas específicas como a Orde de infraestruturas de uso público, o Fondo de Compensación Ambiental, a orde de axudas de eficiencia enerxética cofinanciada con fondos Feder ou o Fondo de Cooperación Local, no que se enmarca esta liña dirixida a proxectos estratéxicos.
No caso do concello de Fisterra, nos últimos anos recibiu apoio da Xunta a través das distintas medidas de apoio ás administracións locais con contías que suman case medio millón de euros.