Medio Rural pon en valor as actuacións en materia de mobilización de terra agraria nunha xornada sobre urbanismo, vivenda e reto demográfico en Burgos

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, participou no evento e destacou a aposta da Consellería pola Lei de recuperación da terra agraria de Galicia

Ademais, salientou outros instrumentos como o Banco de Terras ou o Banco de Explotacións, que favorecen o uso produtivo do territorio como primeiro paso para fixar poboación e dinamizar economicamente o rural

Tamén detallou que a Consellería destinou desde 2016 máis de 155 millóns de euros para a mellora de 4.700 quilómetros de camiños rurais e outros 21 millóns en axudas a empresas non agrícolas, xerando 456 empregos novos e consolidando máis de 3.800

Burgos, 10 de outubro de 2025

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, participou hoxe na xornada de traballo Urbanismo, Vivenda e Reto Demográfico, celebrada en Burgos, onde puxo en valor as actuacións da Consellería do Medio Rural en materia de mobilización de terras.

Neste sentido, explicou que en Galicia predomina o minifundismo e, para facerlle fronte, destacou a importante aposta pola Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, creada co obxectivo de por en valor as terras abandonadas ou infrautilizadas, converténdoas nunha oportunidade para a actividade económica, o emprego e a sustentabilidade do territorio.

Rodríguez destacou un instrumento clave nesta materia, o Banco de Terras de Galicia que hoxe xestiona máis de 7.000 hectáreas distribuídas en case 20.000 parcelas. Este mecanismo público facilita a mediación entre propietarios e persoas interesadas en dar un uso agrario, gandeiros, forestal ou social a estas terras. Explicou que cada ano ábrense convocatorias públicas para arrendamentos que dan prioridade á profesionalización, á remuda xeracional, á igualdade de xénero e ao interese social.

A maiores, tamén resaltou o Banco de Explotacións posto en marcha este mesmo ano e o cal permite conectar a quen abandona a actividade agraria con novos emprendedores, co obxecto de dar continuidade ás explotacións viables. En definitiva, este tipo de ferramentas, engadiu, buscan activar o uso produtivo do territorio como primeiro paso para fixar poboación e dinamizar economicamente o rural.

Mellora de infraestruturas e dotación de servizos

Durante a súa intervención nunha mesa redonda, a directora xeral salientou que é importante contar con servizos básicos, colectividade, mobilidade e espazos de oportunidade. Así, detallou que a Consellería destinou desde 2016 máis de 155 millóns de euros para a mellora de 4.700 quilómetros de camiños rurais e outros 21 millóns en axudas a empresas non agrícolas, xerando 456 empregos novos e consolidando máis de 3.800.

Asemade, resaltou o impacto positivo que ten para o rural o enfoque Leader a través dos 24 grupos de desenvolvemento rural que xestionan este programa en Galicia. Falou dos resultados acadados na nosa comunidade con 1.500 proxectos apoiados, 1.100 empregos creados e máis de 4.000 consolidados cun investimento superior aos 100 millóns de euros no período 2017-2024. No novo marco, 2025-2027, o orzamento previsto para o seu desenvolvemento é de 57 millóns para seguir impulsando a innovación, a diversificación e a cohesión social.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/10/2025