A Xunta pon en valor o emprendemento téxtil no marco da ‘Semana da moda’ de Ferrol
Ferrol, 14 de outubro de 2025
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou hoxe na Xornada de emprendemento e cohesión no mundo da moda que se celebrou no marco da primeira edición da Semana da moda organizada pola delegación galega da Asociación de Nuevos y Jóvenes Diseñadores Españoles (ANDE). Alí, puxo en valor o asesoramento que ofrece a Rede de polos que conta cunha das súas oficinas precisamente en Ferrol, para poder sacar adiante iniciativas nun sector estratéxico como é o téxtil.
Así, Mariño destacou o relatorio a cargo das técnicas do Polo ferrolán co que arrancou a xornada de hoxe, así como os apartados nos que se falou de novas ideas, de creatividade ou de casos de éxito no mundo da moda. Tamén o desfile que tivo lugar e os distintos postos que porán a venda os seus produtos deica esta tarde no Centro Cultural Torrente Ballester. Nesa liña, a directora xeral valorou a Semana da moda organizada por vez primeira por ANDE Galicia, que rematará o xoves coa fase rexional da 39ª edición dos Premios Nacionales a la Moda de Jóvenes Diseñadores, apoiada pola Xunta.