María José Gómez salienta o papel das mulleres rurais e a súa contribución ao sector agrogandeiro

A conselleira do Medio Rural participou hoxe nunha xornada organizada no Novo Mercado da Estrada, co gallo do Día da Muller Rural que se celebra este 15 de outubro

Ademais, puxo en valor as prazas de abastos que son un reflexo da excelente calidade dos produtos de horta galegos e achéganos ao público

Salientou que o Goberno galego está tramitando os estatuto das mulleres do rural e do sector marítimo-pesqueiro, así como o Observatorio das Mulleres Rurais e do Mar de Galicia

A Estrada (Pontevedra), 15 de outubro de 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, salientou hoxe o papel das mulleres rurais e a súa contribución ao sector agrogandeiro nunha xornada organizada no Novo Mercado da Estrada, co gallo do Día Internacional da Muller Rural que se conmemora este 15 de outubro, cun programa de actividades que incluía unha demostración de cociña con produtos de proximidade e unha mesa redonda.

Neste sentido, a conselleira destacou o potencial agrogandeiro do concello da Estrada e afirmou que o mercado, no que se desenvolveu a actividade, é un reflexo da excelente calidade dos produtos de horta galegos os cales se poñen a disposición do público. Tamén engadiu que os traballadores do mundo rural enchen as cidades de produtos de gran calidade.

Ademais, salientou que o Goberno galego está tramitando os estatuto das mulleres do rural e do sector marítimo-pesqueiro, así como o Observatorio das Mulleres Rurais e do Mar de Galicia. Un paquete de normas que, segundo explicou, ten como obxectivo garantir a igualdade efectiva de mulleres e homes no medio rural e no sector agrogandeiro.

En concreto, Gómez sinalou que procuran recoñecer o papel das mulleres que viven e traballan no rural; visibilizar a súa contribución ao desenvolvemento territorial e garantir o seu acceso en igualdade a dereitos, oportunidades e recursos; e establecer medidas para fomentar o emprego, a formación, a conciliación, a saúde laboral e o emprendemento feminino.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/10/2025