A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, interveu esta tarde no Parlamento

A Xunta insta ao Goberno central a rescatar a AP-9 e a eliminar as peaxes, que continúan sendo un agravio a Galicia

Allegue lamentou que o Executivo central segue a condear aos galegos a pagar unas peaxes inxustas, mentres as retira noutros territorios

Sinalou que a Xunta, en coordinación cos gobernos do Principado de Asturias e Castela León remitiron unha carta ao Ministerio para que liberalice as peaxes da AP-9 e AP-66

Indicou que o Ministerio non informou á Xunta nin da emisión do ditame da UE nin da resposta ao mesmo, polo que se solicitou por carta coñecer o expediente

Criticou que o Goberno desaproveite a oportunidade do rescate da AP-9, cando os custos deste e das bonificacións ata final de concesión son moi similares; e advertiu que canto máis pospoña esta decisión, maiores serán os prexuízos para os contribuíntes

Recordou que o Goberno adiou ata en 60 ocasións, a última onte, o prazo de presentación de emendas ao articulado por parte da mesa do Congreso á proposición de lei sobre o traspaso de competencias da AP-9

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2025

 A Xunta insta ao Goberno central a rescatar a AP-9 e a eliminar as peaxes, que continúan sendo un agravio a Galicia.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, lamentou hoxe no Parlamento que o Executivo central segue a condear aos galegos a pagar unas peaxes inxustas, mentres as retira noutros territorios.

Allegue criticou que o Goberno desaproveite a oportunidade de proceder á resolución da concesión da AP-9, pois en lugar de aplicar o ditame da Comisión Europea, optou por dilatar o posicionamento sobre a anulación das prórrogas da concesión.  

Criticou que o Ministerio non informou á Xunta nin da emisión do ditame da UE nin da resposta ao mesmo. Neste sentido, lembrou que o Goberno galego solicitou por carta  coñecer o expediente e a contestación remitida á Comisión Europea; e tamén se dirixiu á Defensora do Pobo da UE para solicitar mediación ante esta situación.

Sinalou que Galicia está a coordinar accións conxuntas a prol da liberalización das peaxes coas comunidades do Principado de Asturias e Castela León que, no seu caso, afectan á AP-66. Xa se remitiu unha carta conxunta ao Ministerio para que liberalice as  peaxes e dea acceso ao expedientes.

Recordou que a Xunta lle trasladou ao Ministerio o coste do rescate, que hai un ano ascendía a 2.331M€ e este ano se incrementa e chega aos 2.356M€. A este respecto, puxo o acento en que a medida que pase o tempo, as condicións do rescate serán cada vez máis gravosas para os contribuíntes.

Cómpre lembrar que a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas solicitou dende 2024 ata en 5 ocasións unha reunión co Ministerio para abordar a AP-9, sen ningunha contestación ata agora.

Apuntou que pospoñer este debate tamén está a impedir que o tráfico das estradas convencionais se dirixa cara á AP-9, unha vez liberalizadas as peaxes, supoñendo aforros de tempo e maior seguridade viaria.

Por outra parte, o Goberno galego leva dende 2009 defendendo a transferencia a Galicia da AP-9, pero o Executivo central adiou ata en 60 ocasións o prazo de presentación de emendas ao articulado por parte da mesa do Congreso á proposición de lei sobre o traspaso de competencias da autoestrada.

A conselleira tamén criticou o incumprimento do PSdG en canto aos seus compromisos electorais, pois prometeron a gratuidade da AP-9 e da AP-53, pero ata agora non se materializou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/10/2025