Belén do Campo supervisa as obras de reforzo de firme na estrada AC-151 ao seu paso por Aranga e Irixoa que contan cun investimento de máis de 840.000€

A delegada da Xunta visitou as zonas da estrada AC-151 que se arranxarán nestes concellos para garantir a súa funcionalidade e seguridade viaria

A Xunta inviste 68M€, un 30% máis ca o ano pasado, para manter as vías de titularidade autonómica nas mellores condicións

Aranga/Irixoa (A Coruña), 16 de outubro de 2025

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada pola directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire, visitaron, esta mañá, a zona na que se están a realizar as obras de reposición do firme na AC-151 ao seu paso polos concellos de Irixoa e Aranga que contan cun investimento de máis de 840.000 euros, case 349.000 euros en Aranga e 491.000 euros en Irixoa, para arranxar un tramo de case 11 quilómetros e beneficiar a unha poboación de 3.125 habitantes destes dous municipios.

A representante do Goberno autonómico explicou que os traballos nos treitos nos que non se considera necesaria unha actuación maior, regularanse as zonas máis deterioradas, fundamentalmente rodeiras mediante unha capa de asfaltado de 5 centímetros. En treitos nos que se detecta un maior número de accesos a vivendas, aparcadoiros e bordos, realizaranse fresados cun ancho de 2 centrímetros e o posterior asfaltado de 5 centímetros en ancho de carril completo e finalmente nas zonas nas que sexa necesario intervir na estructura do firme existente con rodeiras, afundimentos ou fisuras procederase ao fresado cun espesor de 5 centrímetros  para o seu posterior asfaltado con 5 centrímetros. Nos treitos fóra da zona urbana farase ademáis unha regularización do carril cunha capa de microaglomerado en frío.

A delegada da Xunta explicou que esta actuación inclúese nun contrato máis amplo, que ten un prazo de execución de 4 meses, que abarca un total de 4 estradas autonómicas, nas que se inclúe esta estrada AC-151 ao seu paso por estes dous municipios, e outras 4 máis da provincia da Coruña (AC-862, AC-100 e AC-102) cun investimento de máis de 3,5M€ e que benefician a unha poboación de máis de 23.000 habitantes dos 7  concellos. As actuacións contempladas neste proxecto non implican a realización de ningunha expropiación, xa que están todas incluídas dentro da franxa de dominio público.

Belén do Campo destacou que esta intervención forma parte do esforzo da Xunta por manter as vías de titularidade autonómica nas mellores condicións e para garantir a seguridade viaria. Nos orzamentos do 2025, a aposta pola seguridade viaria, a través da conservación das estradas autonómicas e a mellora de firmes, é un eixo fundamental, con máis de 68M€, un 30% máis que o ano pasado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/10/2025