Belén do Campo supervisa as obras de reforzo de firme na estrada AC-231 ao seu paso por Sobrado que contan cun investimento de preto de 350.000€
A delegada da Xunta visitou as zonas que se arranxarán nesta estrada para garantir a súa funcionalidade e seguridade viaria
A Xunta inviste 68M€, un 30% máis ca o ano pasado, para manter as vías de titularidade autonómica nas mellores condicións
Sobrado (A Coruña), 22 de outubro de 2025
A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada pola directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire, visitaron, esta mañá, a zona na que se están a realizar as obras de reposición do firme na AC-231 ao seu paso polo concello de Sobrado que contan cun investimento de preto de 350.000 euro para arranxar un tramo de 5 quilómetros e beneficiar a unha poboación de 1.754 habitantes deste municipio.
A representante do Goberno autonómico explicou que, nos tramos onde non se precisa unha intervención de maior envergadura, actuarase nas zonas máis deterioradas —principalmente nas rodeiras— mediante a aplicación dunha capa de asfaltado de 5 centímetros. Nos puntos con maior presenza de accesos a vivendas, aparcadoiros ou bordos, prevese a realización de fresados de 2 centímetros de profundidade e o posterior asfaltado de 5 centímetros, cubrindo a totalidade do ancho do carril. Pola súa parte, nos tramos que presentan danos estruturais no firme, como afundimentos, rodeiras ou fisuras, efectuarase un fresado de 5 centímetros para, posteriormente, aplicar unha nova capa de asfalto do mesmo espesor. Ademais, nos treitos situados fóra das zonas urbanas, completarase a mellora coa regularización do carril mediante unha capa de pavimento asfáltico en frío.
A delegada da Xunta explicou que esta actuación inclúese nun contrato máis amplo, que ten un prazo de execución de 4 meses, que abarca un total de 5 estradas autonómicas, nas que se inclúe esta estrada AC-231 ao seu paso Sobrado, e outras 4 máis da provincia da Coruña (AC-840, AC-223, AC-214 e AC-190) cun investimento de preto de 3M€ e que benefician a unha poboación de case 116.000 habitantes dos 12 concellos de Abegondo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Cerceda, Curtis, Mesía, Oleiros, Oza-Cesuras, Vilasantar e Sobrado. As actuacións contempladas neste proxecto non implican a realización de ningunha expropiación, xa que están todas incluídas dentro da franxa de dominio público.
A delegada explicou que a AC-400 en Cerceda xa se arranxou e se está actuando nestes momentos na AC-231 de Sobrado, para continuar pola AC-840 empezando por Curtis, Vilasantar, Oza-Cesuras, Abegondo e Betanzos. A continuación é previsión é seguir avanzando pola AC-214 en Bergondo e Cambre para seguir pola AC-190 en Oleiros e rematar na AC-223 en Carral, Oleiros e Mesía.
Belén do Campo destacou con este tipo de intervencións trátase de garantir a calidade, seguridade e durabilidade dos pavimentos e contribuír a reforzar a seguridade viaria nesta contorna. Nos orzamentos do 2025, a aposta pola seguridade viaria, a través da conservación das estradas autonómicas e a mellora de firmes, é un eixo fundamental, con máis de 68M€, un 30% máis que no 2024.
Belén do Campo remarcou a importancia das redes viarias autonómicas para acadar a vertebración territorial. Neste sentido, sinalou que o Goberno galego segue traballando para aumentar e mellorar esta rede, asegurando unha axeitada conservación e preparándoa para eventos climáticos extremos.