A Xunta salienta o papel crucial da industria dos áridos na descarbonización da economía

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, participou hoxe en Córdoba no VII Congreso Nacional de Áridos

Destaca que a industria extractiva ten un valor esencial para a economía de Galicia que, en dous anos, pasou de representar o 8,2 por cento do valor de produción en España ao 9,5 por cento

Sinala a importancia de conseguir combinar unha menor complexidade nos trámites administrativos coas maiores garantías a nivel ambiental á hora de aprobar un proxecto

Córdoba, 22 de outubro de 2025

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, destacou hoxe o papel crucial que desempeña a industria dos áridos no proceso de transición cara a unha economía descarbonizada e dixitalizada, e manifestou que todo o esforzo da Xunta está enfocado en impulsar a súa modernización tecnolóxica e o carácter sustentable das explotacións galegas fronte a terceiros países.

Fernández Vila participou hoxe en Córdoba no VII Congreso Nacional de Áridos, onde expuxo que a industria extractiva ten un valor esencial para a economía de Galicia que, en dous anos, pasou de representar o 8,2 por cento do valor de produción en España ao 9,5 por cento.

O director xeral apuntou o traballo que vén desenvolvendo a Xunta de Galicia para que este sector avance de maneira eficiente e sustentable, para o cal avogou pola colaboración público-privada como garante de que a nivel institucional se escoita ao sector e se lle facilitan ferramentas administrativas e políticas de innovación necesarias para esa evolución.

Neste contexto, sinalou a importancia de conseguir combinar unha menor complexidade nos trámites administrativos coas maiores garantías a nivel ambiental á hora de aprobar un proxecto que, segundo dixo, “debe estar ben traballado desde o punto de vista técnico pero tamén social”, o cal facilitará a súa aceptación tanto por parte da Administración como da cidadanía.

Dentro da aposta que está facendo Europa pola autosuficiencia e o autoabastecemento de materias primas críticas, Fernández Vila quixo concluír reiterando a importancia de que se exixa o emprego de materiais sustentables extraídos en condicións de máximo respecto ambiental.

Data de actualización: 22/10/2025