Medio Rural reforza as medidas preventivas co fin de protexer á cabana gandeira galega da dermatose nodular contaxiosa
Todos os bovinos que procedan de explotacións de fóra de Galicia deberán someterse a unha vixilancia veterinaria oficial dunha duración mínima de 21 días naturais dende a data da incorporación á explotación de destino na nosa comunidade
A totalidade dos animais das granxas que incorporen bovinos procedentes doutras partes do territorio español ou do estranxeiro quedarán inmobilizados tamén durante 21 días de xeito preventivo
Establécese a obriga de desinsectar todos os bovinos presentes na explotación á que se incorporen estes animais, así como todos os vehículos de transporte de gando que realicen movementos de entrada a Galicia
A Consellería lanza unha mensaxe de tranquilidade ao sector, co que se reunirá o vindeiro luns para abordar esta situación e resolver dúbidas
Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2025
A Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha resolución coa que se reforzan as medidas preventivas co fin de protexer á cabana gandeira galega da dermatose nodular contaxiosa. Neste sentido, todos aqueles bovinos que procedan de explotacións localizadas fóra de Galicia deberán ser sometidos a unha vixilancia veterinaria oficial dunha duración mínima de 21 días naturais dende a data da súa incorporación á explotación de destino na nosa comunidade.
Por outra banda, a totalidade dos animais das granxas que incorporen bovinos procedentes doutras partes do territorio español ou do estranxeiro quedarán inmobilizados tamén durante 21 días de xeito preventivo. Esta inmobilización afectará aos bovinos presentes na explotación na data de entrada dos novos animais.
Así mesmo, establécese como obrigatorio desinsectar todos os bovinos presentes na explotación á que se incorporen estes animais, así como todos os vehículos de transporte de gando que realicen movementos de entrada a Galicia. Cabe sinalar que os Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería do Medio Rural realizarán todas as actuacións necesarias de inmobilización das explotacións, vixilancia sanitaria, comprobación da correcta desinsectación, control das condicións de limpeza e desinsectación de vehículos.
Estas medidas estarán vixentes a partir de hoxe e durante os próximos 30 días naturais e a resolución poderá prorrogarse de acordo coa evolución epidemiolóxica da enfermidade.
Aínda que se reforzan estas medidas de prevención e vixilancia, a Consellería do Medio Rural lanza unha mensaxe de tranquilidade ao sector, dado que non hai constancia de ningún caso desta enfermidade en Galicia. Así mesmo, e co fin de abordar esta situación e resolver dúbidas, o vindeiro luns celebrarase unha reunión con diferentes axentes do sector.
Cómpre lembrar que este martes, en Conferencia Sectorial, a conselleira reclamou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación unha estratexia clara de coordinación para o control eficaz desta enfermidade, co fin de levar a cabo medidas homoxéneas entre as diferentes comunidades autónomas que dean certezas e seguridade no sector gandeiro.
A dermatose nodular contaxiosa
Esta doenza é unha enfermidade vírica de alta difusibilidade e que implica importantes prexuízos tanto nas explotacións afectadas como a nivel xeral no sector bovino dun territorio no que se notifique a súa presenza.
A evolución da situación epidemiolóxica desta enfermidade en países da Unión Europea próximos tanto territorial como comercialmente con España, así como a detección desta doenza nas primeiras datas do mes de outubro en territorio español, na provincia de Girona en Cataluña, e que ten continuado ata a data con sucesivas notificacións de novos focos nesa Comunidade Autónoma, supón un importante aumento do nivel de risco de aparición desta enfermidade en Galicia.
A fin de previr a entrada da dermatose nodular contaxiosa no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, faise necesario tomar medidas sanitarias cautelares, co fin de protexer á cabana bovina galega. Por parte da Consellería do Medio Rural púxose en marcha no verán unha campaña de información para o sector gandeiro para explicar esta enfermidade e recomendar o incremento de medidas de prevención e bioseguridade nas explotacións, xa antes de que se detectaran os primeiros focos da doenza en España.
É importante sinalar que seguen vixentes as recomendacións feitas ata o momento, que aconsellaban evitar na medida do posible o traslado de animais bovinos dende zonas próximas aos focos desta enfermidade, incrementar as medidas de bioseguridade e reforzar a vixilancia pasiva nas granxas galegas, de tal xeito que, no caso de que apareza a doenza, se detecte o antes posible.
Ligazón á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20251023/AnuncioG0426-221025-0004_gl.html