A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, mantivo hoxe unha reunión co presidente da CEG, Juan Manuel Vieites

A Xunta e a Confederación de empresarios de Galicia piden unha reunión co Ministerio de Transportes para exixir o rescate da AP-9 e a gratuidade das peaxes

Allegue lembrou que a Xunta, tras o ditame da Comisión Europea, remitiu en setembro unha carta ao Goberno central instando ao rescate da AP-9 e á liberalización das peaxes, pero non houbo resposta

Recordou que os custos do rescate e das bonificacións ata fin de concesión son similares, polo que o Estado debe rematar con este agravio a Galicia, tendo en conta que xa rescatou outras autoestradas noutras comunidades

Salientou que a Xunta e os gobernos de Castela e León e Asturias enviaron unha carta conxunta ao Ministerio demandando a liberalización das peaxes da AP-9 e da AP-66

Lamentou que tras máis de 500 días adiando no Congreso dos Deputados o debate da Proposición de Lei de Transferencia da AP-9, o PSOE presentara emendas opoñéndose ao traspaso, que reclama por unanimidade o Parlamento de Galicia

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2025

A Xunta e a Confederación de Empresarios de Galicia piden unha reunión co Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible para exixir o rescate da AP-9 e a gratuidade das peaxes. Así o acordaron hoxe a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, e o presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, que mantiveron un encontro de traballo.

Allegue, acompañada pola directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, lembrou que a Xunta, tras o ditame da Comisión Europea, remitiu en setembro unha carta ao departamento que dirixe Óscar Puente, instando ao rescate da AP-9 e á liberalización das peaxes. Non obstante, ata agora non houbo resposta por parte do Goberno.

Cómpre lembrar que os custos do rescate e das bonificacións ata fin de concesión son similares. A Xunta actualizou o estudo, que  eleva a 2.356M€ o rescate, fronte aos 2.331M€ do 2024, polo que canto máis tarde sexa o rescate, será maior prexuízo para os usuarios.

A Xunta e a CEG coincidiron hoxe nesta reivindicación para que se remate con este agravio a Galicia, pois o Estado xa rescatou outras autoestradas. Esta situación afecta á competitividade das empresas.

A conselleira remarcou que o Goberno galego segue sumando apoios contra esta discriminación respecto a outras comunidades. Neste sentido, a Xunta e os gobernos  de Castela e León e Asturias enviaron unha carta conxunta ao Ministerio demandando a liberalización  das peaxes da AP-9 e da AP-66.

Por outra parte, lamentou que tras máis de 500 días adiando no Congreso dos Deputados o debate da Proposición de Lei de Transferencia da AP-9, o mércores coñecíanse as emendas presentadas polo PSOE nas que manifesta a súa oposición ao traspaso.

Criticou que o Goberno se negue á transferencia da titularidade, tal e como reclama por unanimidade o Parlamento de Galicia.

 

 

 

 

 

 

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/10/2025