A Xunta incrementa en 160 millóns o orzamento para profesorado desde a sinatura do acordo de mellora do ensino

O conselleiro de Educación participa na apertura dunha xornada de formación para desenvolver a función directiva

Destaca o compromiso do Goberno galego coa estabilidade e condicións laborais do corpo docente, a través das diferentes medidas incluídas no acordo

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2025

A Xunta de Galicia leva incrementado en 160 M€ o orzamento destinado a persoal desde a posta en marcha do Acordo de mellora e modernización do ensino asinado coas organizacións sindicais CCOO, ANPE E UGT. Este incremento prodúcese ao comparar os Orzamentos de 2026 da Consellería de Educación cos de 2023, ano no que se aprobou o acordo e supón unha medra sostida dunha media de 50 M€ anuais. 

Cómpre lembrar que o sistema educativo galego conta este ano con máis profesores ca nunca, un total de 31.756, 153 máis ca no anterior, nun contexto de caída do alumnado. E, ademais, froito do mencionado Acordo de mellora, desde o 2024, os docentes están percibindo un incremento anual da súas retribucións vencelladas a cuestións como a formación ou o desempeño de funcións de responsabilidade. 

Precisamente, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe na inauguración da xornada Formación para desenvolver a función directiva, incluída no Plan anual de formación docente da Xunta, onde destacou o compromiso do Goberno galego tanto coa formación do profesorado, así como coa súa estabilidade e condicións laborais. 

Neste sentido, fixo fincapé no paso adiante que dan as persoas que presentan os seus proxectos para ocupar a dirección dun centro, “unha tarefa que esixe un especial liderado e compromiso, tanto no eido da xestión administrativa, coma na innovación educativa”, afirmou. A este respecto, destacou que este curso xa se están a aplicar as primeiras medidas do Plan para a simplificación das tarefas burocráticas nos centros educativos, liberando de parte destes labores aos equipos directos e aos docentes.

Nova Oficina de apoio aos docentes

Así mesmo, a Xunta traballa xa na posta en marcha da nova oficina de apoio ao profesorado, incluída xa no Anteproxecto de lei de medidas fiscais e administrativas co obxectivo de darlle o máximo rango normativo e ofrecer así aos docentes a maior protección e asesoramento. Este novo servizo vén complementar o reforzo que fai este curso o Goberno galego da condición de autoridade pública do profesorado no exercicio das funcións directivas, organizativas, docentes e de corrección disciplinaria, poñendo o acento en que ningún docente sexa vítima de situacións contrarias á convivencia. 

Ao longo da xornada de hoxe os asistentes a esta actividade afondan en diversos detalles da función directiva, como o marco normativo ou a xestión de recursos. O conselleiro agradeceulles a súa implicación na mellora continua do sistema educativo e reiteroulles o pleno apoio da Xunta na posta en valor do seu labor e para facilitalo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/10/2025