Medio Rural destaca o liderado de Galicia na produción de castaña a nivel nacional
A titular deste departamento e o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración asistiron hoxe á XXX Feira da Castaña e do Cogomelo de Riós
María José Gómez sinalou que Galicia é a principal rexión produtora e exportadora do país, e que as empresas galegas, tanto de primeira como segunda transformación, compiten a nivel internacional
Sinalou que se está a impulsar este eido a través do Programa estratéxico do castiñeiro e da produción de castaña
Riós (Ourense), 2 de novembro de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, asistiron hoxe á XXX Feira da Castaña e do Cogomelo de Riós. Alí, María José Gómez destacou o liderado de Galicia na produción de castaña a nivel nacional, ao ser a principal rexión produtora e exportadora do país. Ademais, na comunidade prodúcense máis da metade de todas as castañas do país e as empresas galegas, tanto de primeira como de segunda transformación, compiten a nivel internacional. A comunidade conta tamén cun selo específico para este produto, a Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia, con 1.397 hectáreas inscritas e 170 produtores adheridos.
Gómez sinalou que dende o Goberno autonómico se está a impulsar a potencialidade deste produto para a economía galega a través do Programa estratéxico do castiñeiro e da produción de castaña, enmarcado no Plan Forestal de Galicia 2021-2040. A través deste programa estase xa a avanzar nun plan piloto para a xestión conxunta de soutos, con actuacións en Lugo e Ourense; as axudas para a plantación de castiñeiros para froito e a mellora de soutos tradicionais; ou o impulso das agrupacións forestais de xestión conxunta.
XXX Festa da Castaña e do Cogomelo de Riós
Durante o percorrido polo evento, os conselleiros estiveron acompañados polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan; a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez; e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.
A conselleira do Medio Rural destacou, neste marco, que esta festa é unha “ocasión perfecta” para poñer en valor estes produtos típicos. Asemade, agradeceu o traballo desenvolvido polo Concello de Riós por levar 30 anos impulsando esta iniciativa, que inclúe un programa de actividades culturais e gastronómicas, así como a presenza de produtores que comercializan as súas elaboracións.
Por último, deulle a en hora boa aos galardoados coa Castaña de Ouro deste 2025, o gandeiro Joaquín Pérez e o axente do Distrito Forestal XIX Caldas-O Salnés Óscar Veiga, que son “traballadores esenciais do noso medio rural”.