A conselleira María José Gómez compareceu hoxe no Parlamento a petición propia para facer balance da loita contra o lume unha vez rematada a tempada de alto risco

Medio Rural incrementa un 50 % o investimento para 2026 en prevención contra incendios forestais e intensifica os apoios a particulares e concellos

Lembrou que o convenio de xestión de biomasa nas faixas secundarias coa Fegamp e Seaga duplicará o seu orzamento ata os 25 millóns de euros e tamén recordou o reforzo en medios e bases aéreas

Sinalou que se seguirán mellorando as condicións laborais dos profesionais, tal e como se comprometeu xa coas organizacións sindicais

Avanzou que se incrementarán as iniciativas de concienciación e sensibilización, especialmente entre os máis cativos, cun programa específico nos centros educativos para dar a coñecer o traballo do persoal e as instalacións do dispositivo

Destacou que as investigacións apuntan a que o 70 % dos lumes de agosto foron intencionados e que esa é a causa principal, dado que “Galicia non arde soa, a Galicia quéimana”

Incidiu en que a situación deste verán foi extraordinaria, cunhas condicións climatolóxicas extremas, favorecendo que os lumes acadasen intensidades e velocidades moi altas en pouco tempo, ao que se sumou a simultaneidade

No que vai de ano, en Galicia rexistráronse 1.492 lumes que afectaron unha superficie de 118.966 hectáreas; 673, é dicir, o 45 %, foron en agosto

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2025

A Consellería do Medio Rural reforzará as actuacións en materia de incendios forestais para 2026, cun investimento de 75,38 millóns de euros, unha contía superior nun 50 % á destinada este ano, e intensificaranse os apoios a particulares e concellos mediante o convenio de xestión da biomasa nas faixas secundarias. Así o trasladou hoxe a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na súa comparecencia a petición propia no Parlamento para facer balance da loita contra o lume unha vez rematada a tempada de alto risco.

Seguindo esta liña, a conselleira destacou que o Goberno galego redobrará o seu apoio para favorecer o cumprimento das obrigas nas faixas secundarias e así protexer os núcleos de poboación. Por iso, o vindeiro ano duplicarase o investimento no marco do convenio da Consellería do Medio Rural coa Federación Galega de Municipios e Provincias e Seaga, que pasa dos 12 millóns de euros actuais ata os 25 millóns o ano que vén.

Gómez puxo en valor que o novo convenio incluirá un incremento de parroquias priorizadas, nas que os veciños poderán contratar a Seaga para a limpeza das súas fincas; axilizaranse as execucións subsidiaras máis urxentes nas zonas de maior risco de incendio, prestarase un maior apoio aos concellos de menos de 10.000 habitantes e impulsarase a creación de barreiras naturais nestas faixas coa plantación de frondosas, unha cuestión que xa se contemplaba no actual convenio e que se reforzará.

Ao mesmo tempo, seguirase traballando noutras tarefas preventivas en montes públicos dependentes da Administración autonómica ou naquelas comunidades de montes veciñais coas que se leven a cabo proxectos de colaboración nesta materia como son rozas de áreas cortalumes ou faixas auxiliares, mellora de pistas forestais ou adecuación de puntos de auga. Neste sentido, os obxectivos marcados no Pladiga neste eido para o marco temporal 2025-2026 están practicamente acadados.

Aposta pola formación e sensibilización nos centros educativos

No ámbito da formación, enfocada cada vez máis na especialización do persoal, recalcou que entre este 2025 e 2026 destinaranse 1,8 millóns de euros ao adestramento do persoal, un 19 % máis que no bienio anterior. A conselleira explicou que a maior parte destes cursos realízanse no Centro Integral de Loita contra o Lume de Toén, un complexo polo que se seguirá apostando para que sexa unha referencia internacional. De feito, este ano recibiron a bombeiros de Países Baixos, Estonia e tamén do País Vasco.

Ao mesmo tempo que se intensifica o plan formativo, Gómez recalcou que se seguirán reforzando as accións de sensibilización e información cara a veciñanza, especialmente daquela que reside en parroquias de alta actividade incendiaria. Neste senso, avanzou que se van incrementar este tipo de iniciativas, especialmente entre os máis cativos coa posta en marcha dun programa específico nos centros educativos para dar a coñecer o traballo do persoal e as instalacións que conforman o dispositivo. A través disto, indicou, tamén se busca revalorizar a profesión e incrementar o prestixio social dos efectivos que loitan contra os lumes.

Melloras técnicas e para o persoal

No relativo á extinción, a titular de Medio Rural enumerou que Galicia conta con 3.000 profesionais dependentes da súa Consellería que, na época de alto risco, poden chegar ata 7.000 ao sumar o apoio de Emerxencias, doutras administracións e as forzas e corpos de seguridade do Estado. Engadiu tamén os medios materiais, entre os que salientou 380 motobombas, 36 buldócer, 14 batracios e máis de 30 medios aéreos, entre os da Xunta e os do Estado. En canto a melloras tecnolóxicas puxo en valor a rede de cámaras de videovixilancia que favorecen unha resposta rápida e concisa. Actualmente, explicou, a nosa comunidade conta con 181 en 90 espazos e proximamente instalaranse outras 56 novas en bases aéreas e centros de referencia. Isto implica un incremento considerable desde 2018, cando había 88 cámaras en 44 localizacións.

Gómez quixo poñer en valor o esforzo realizado nos últimos anos en melloras laborais para o dispositivo, xa que dous terzos do persoal traballan ao longo de todo o ano. Fano desde 2023, cando os seus contratos se ampliaron dos 9 aos 12 meses.  O outro terzo, detallou, está traballando, neste 2025, 8 meses e chegarán a 9 o ano que vén. A maiores deste compromiso coa estabilidade, seguiranse mellorando as condicións laborais dos profesionais, tal e como se comprometeu xa coas organizacións sindicais. “Sen os profesionais non existiría dispositivo de prevención e loita contra os lumes”, resaltou. Así, sinalou que “en 2008 a situación era ben distinta”, cun dispositivo conformado por menos de 1.900 persoas dependentes da Xunta, das que 1.200 traballaban todo o ano e 600 facíano durante seis meses, “só en campaña de alto risco sumábanse uns mil efectivos contratados”.

Con respecto aos medios materiais, a conselleira detallou que o vindeiro ano haberá un incremento de medios aéreos, novas motobomas e máquinas multifunción, aos que se lle suma un investimento de máis de 9 millóns de euros para mellorar as edificacións xa existentes e crear outras novas. Deste xeito, destacou a base de helicópteros de Lalín, xa iniciada, ou a nova base aérea de Valga, cuxas obras comezarán o vindeiro ano.

Condicións extremas e intencionalidade

A conselleira salientou que este verán viviuse unha situación extraordinaria cunhas condicións climatolóxicas de seca extrema, baixa humidade, temperaturas moi altas e  inestabilidade en moitas xornadas que, no seu conxunto, favoreceron que os lumes acadasen intensidades e velocidades moi altas en pouco tempo. Puxo como exemplo o de Larouco, no que se chegou a rexistrar unha taxa de crecemento de 1.700 hectáreas por hora de xeito puntual e de 1.000 durante 11 horas consecutivas, ao que se lle sumou un comportamento convectivo, que fixo que cruzara o Sil de xeito simultáneo por ata 15 puntos.

Por iso, louvou o labor de todos os profesionais que participaron no operativo, especialmente do persoal do dispositivo autonómico e pediu o recoñecemento do Parlamento de Galicia. Tamén destacou a cooperación veciñal ante unha emerxencia de protección civil na que o prioritario eran as persoas.

Asemade, destacou que dez grandes incendios forestais concentráronse nun mesmo período de tempo na zona sur-este de Galicia, con dificultades de acceso en moitos deles porque afectaron a zonas elevadas, de ata 2.000 metros de altitude, con orografías complicadas que impediron en moitas ocasións andar ben os perímetros. Así, Gómez reprochou ao Goberno central non ter enviado a tempo a maquinaria pesada “que tanto lle reclamamos”, que en situacións coma esta “faise más necesaria que nunca”.

En conxunto, explicou que no que vai de ano en Galicia rexistráronse 1.492 lumes que afectaron unha superficie de 118.966 hectáreas. Durante ese mes detectáronse 673 lumes e só 48 superaron as 20 hectáreas, pese a que se rexistraron máis de 30 novos lumes cada día, o 35 % foron durante a noite. “Destes datos extráese unha conclusión”, afirmou, “o noso servizo actúa de xeito contundente e rápido aínda que haxa moitos lumes a un mesmo tempo”.

Gómez tamén fixo fincapé na intencionalidade, ligado ao factor da simultaneidade dos incendios de agosto. Neste senso, especificou que máis do 70 % dos lumes dese mes foron intencionados e que esa é a causa principal, dado que “Galicia non arde soa, a Galicia quéimana”. Por iso, puxo en valor o papel dos axentes da Unidade de Investigación de Incendios Forestais da Consellería que, grazas ao seu labor, permitiron que 15 persoas fosen postas a disposición xudicial por delito de incendio intencionado e dúas por imprudencia. O seu traballo, afirmou a conselleira, vese complementado polo importante labor da Policía Autonómica e da Garda Civil, coas que colaboran.

Apoios tralos incendios

A titular de Medio Rural lembrou que a comezos de outubro iniciáronse os traballos de recuperación do monte e loita contra a erosión, coa técnica do mulching tras identificar as zonas máis críticas, logo dun estudo realizado en colaboración co CSIC. Estas tarefas continúan e está previsto actuar na meirande parte dos grandes incendios forestais de Ourense. Indicou que tamén se segue coa retirada de  madeira queimada nos montes de xestión pública, facilitando os trámites para que sexa áxil e se eviten así problemas fitosanitarios. Asemade, o vindeiro ano destinaranse 3,2 millóns para comezar coa restauración tras os incendios.

En canto ás axudas para os afectados, explicou que desde a Consellería do Medio Rural aprobáronse 156 achegas para as explotacións gandeiras, agrícolas e forestais cun valor superior ao millóns de euros e salientou que algunhas das liñas postas a disposición do sector chegan ata os 200.000 euros, o que contrasta coa falta de apoios do Goberno central, que publicou hai escasos días o Real Decreto “só para o sector agrogandeiro e só con 16.000 euros por beneficiario como máximo”, expuxo.

Ademais, puxo en valor que en plena vaga de lumes, na fin de semana do 15 de agosto, iniciouse o reparto de alimentación para o gando en 22 concellos. Desde entón, engadiu, entregáronse case 100 toneladas de penso ou máis de 1.560 toneladas de herba seca.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/11/2025