A Xunta apoia as melloras no local social da asociación de veciños, cultural e recreativa O Fragoso de Vide de Castrelo de Miño

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, o material adquirido ao abeiro das axudas do Plan específico de acción comunitaria co obxectivo de impulsar as actividades levadas a cabo pola entidade

O Goberno galego incrementou este ano a dotación a 4M€, un máis que en 2024 e medrou tamén o número de proxectos impulsados, con 454 actuacións en toda Galicia, 128 delas na provincia de Ourense

Nos orzamentos para 2026 a Xunta consolida este apoio con outros 4M€ cos que seguir atendendo as demandas de asociacións veciñais e de mulleres rurais e comunidades de usuarios de augas

Castrelo de Miño (Ourense), 4 de novembro de 2025

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitaron hoxe a asociación de veciños, cultural e recreativa O Fragoso de Vide para comprobar as melloras realizadas no seu local social coas axudas do Plan específico de acción comunitaria deste ano, dirixidas a entidades veciñais, asociacións de mulleres rurais de Galicia e comunidades de usuarios de augas.

A Xunta destinou case 5.000 euros á adquisición de novo equipamento informático, audiovisual, mobiliario e material para as actividades culturais e recreativas que leva a cabo a entidade, tanto no local social como as que se organizan ao aire libre no Campo da Festa. Natalia Prieto explicou que este investimento axuda a mellorar a xestión e comunicación das actividades realizadas e impulsar as que se realizan no exterior, ao mesmo tempo que se dotou de maior comodidade para as persoas usuarias co novo mobiliario. Así, engadiu a directora xeral, a asociación pode ampliar o número de actividades e persoas participantes ao contar co equipamento necesario.

A orde de subvencións do Plan específico de acción comunitaria contou este ano con catro millóns de euros -un millón máis que o exercicio anterior- para dar resposta ao volume de solicitudes en convocatorias previas. De feito, resultaron beneficiarias 454 actuacións, 128 delas na provincia de Ourense, que supuxeron unha achega de máis dun millón de euros.

Segundo sinalou Natalia Prieto, estas achegas, dirixidas a asociacións veciñais e de mulleres rurais, así como a comunidades de usuarios de augas, enmárcanse no compromiso do Goberno galego co asociacionismo, polo importante traballo  que desempeñan na dinamización da vida local e na mellora da calidade de vida da cidadanía. Por iso, nos orzamentos da Xunta para 2026 se consolida o apoio de catro millóns de euros desta convocatoria para seguir dando resposta ás demandas destes colectivos.

A través destas subvencións, a Xunta colabora nos gastos ocasionados como consecuencia de investimentos realizados en obras en inmobles da titularidade das entidades solicitantes ou sobre os que teña dereito de uso, no caso das asociacións de veciños e de mulleres rurais, así como os equipamentos necesarios para o seu funcionamento, todos eles orientados ao cumprimento dos fins da entidade e o seu funcionamento ordinario, e as obras nas traídas de auga comunitarias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/11/2025