A conselleira María M. Allegue pon en valor o traballo dos enxeñeiros a prol dunha Galicia máis vertebrada e reivindica o esforzo licitador da Xunta en obra pública

Allegue subliñou que os enxeñeiros de camiños son unha peza clave para materializar os proxectos da Xunta, que volve ser a administración con maior volume de licitacións en Galicia, con 343M€ mobilizados entre xaneiro e agosto

Fixo fincapé nos Orzamentos da consellería para 2026, que constan de 560M€ e no eido das infraestruturas permitirán sumar máis quilómetros de vías de altas prestacións ou garantir a conservación das estradas

Remarcou que a Xunta seguirá exixindo ao Goberno central o rescate e a liberación das peaxes na AP-9, pois están a lastrar a competitividade da comunidade

A Coruña, 4 de novembro de 2025

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, pon en valor o traballo dos enxeñeiros a prol dunha Galicia máis vertebrada e reivindica o esforzo licitador da Xunta en obra pública.

Allegue, coas delegadas territoriais da Xunta na Coruña e Ferrol, Belén do Campo e Martina Aneiros, respectivamente; a directora da Axencia Galega de Infraestruturas, Marí Deza; e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas; asistiu hoxe á entrega de Medallas ao Mérito Colexial do ano 2025 no Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos.

Trasladou os parabéns aos tres enxeñeiros premiados: Eugenia Calvo López, Juan Rafael Sanjuan de Moreta e Isabel Martínez Lage, á que lle fixo entrega dunha das medallas.

Tamén felicitou a aqueles enxeñeiros que hoxe ou ben recibiron a insignia polos 25 anos de colexiación ou ben recolleron o selo que os acredita como novos colexiados.

Fixo fincapé no talento destes profesionais, que “atesouran os coñecementos e a eficiencia cos que seguiremos a construír unha Galicia máis accesible, máis grande e máis competitiva”.

Subliñou que os enxeñeiros de camiños son unha peza clave para materializar os proxectos da Xunta, que este ano volve ser a administración con maior volume de licitacións en Galicia,  con 343M€ mobilizados entre xaneiro e agosto.

Detallou que o órgano que acada os maiores investimentos neste período é a Axencia Galega de Infraestruturas, con preto de 100M€, case un 20% máis que o ano pasado. E neste punto, agradeceu a Francisco Menéndez “o seu excelente labor durante tantos anos ao fronte da AXI, pois os seus méritos e traballos poden ser disfrutados hoxe por todos”. 

Ademais deu a benvida á nova directora, María Deza, que “seguirá a mesma senda de dedicación, esforzo e traballo a prol dunha Galicia mellor conectada, mellor vertebrada, máis competitiva, máis sostible e por suposto máis segura”.

Fixo fincapé nos Orzamentos da consellería para o ano 2026, que pasan de 513M€ a 560M€, e  dotan á AXI de partidas que suman 263M€.

Salientou que estes Presupostos permitirán sumar máis quilómetros de vías de altas prestacións, avanzando na autovía Santiago–A Estrada (AG-59), na VAP Tui–A Guarda, na conversión en autovía do corredor Brión–Noia, na autovía Nadela–Sarria ou na prolongación da VAC Costa da Morte.

Destacou que o rescate das concesións de peaxe en sombra das autoestradas do Salnés, Barbanza, Ourense-Celanova e Santiago-Brión, posibilitan á Xunta un aforro a futuros de máis de 330M€ que se traduce en maior capacidade de investimento e en máis recursos para mellorar a rede viaria.

Remarcou que a Xunta seguirá exixindo ao Goberno central o rescate e a liberación das peaxes na AP-9, pois están a lastrar a competitividade da comunidade. Neste sentido, recordou que esta reivindicación se está a realizar de xeito conxunto cos gobernos de Asturias e Castela León, que afrontan unha situación similar na AP-66.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/11/2025