Medio Rural publica no DOG a convocatoria para a destilación de crise dotada con máis de 660.000 euros
A través destas achegas subvencionarase ás adegas das denominacións de orixe Ribeiro e Monterrei que voluntariamente decidan levar a cabo esta técnica para convertelo en alcohol de uso industrial
Os obxectivos que se perseguen son, por un lado, rebaixar a estocaxe de viño acumulado nas adegas e, por outro, dar saída ao produto almacenado sen provocar unha distorsión no mercado, tanto en cantidade como en prezo
Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2025
A Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria para a destilación de crise nas denominacións de orixe Ribeiro e Monterrei, dotada cun orzamento de 663.589,47 euros de fondos propios da Xunta. A través destas achegas subvencionarase ás adegas que voluntariamente decidan levar a cabo esa destilación do viño para convertelo en alcohol de uso industrial (non alimentario).
Os obxectivos que se perseguen son, por un lado, rebaixar a estocaxe de viño acumulado nas adegas e, por outro, dar saída ao produto almacenado sen provocar unha distorsión no mercado, tanto en cantidade como en prezo. Neste caso, as adegas beneficiarias serán unicamente as adscritas ás denominacións de orixe protexidas (DOP) Ribeiro e Monterrei, de acordo coa autorización da Unión Europea. Así, para Ribeiro establécese un importe de 0,66 euros/litro e para Monterrei de 0,965 euros/litro.
O prazo de presentación da solicitude de pago da axuda, xunto coa documentación xustificativa da destilación, será ata o 20 de decembro de 2025. A destilación deberá estar rematada o 15 de decembro.
Cómpre lembrar que esta medida extraordinaria xa se adoptou o pasado ano para Ribeira Sacra, coa mesma finalidade. O Goberno galego, a través da Consellería do Medio Rural, en coordinación co sector vitivinícola, solicitou de novo este ano á Comisión Europea -vía Goberno Central- a destilación de crise, como medida puntual e excepcional. A posibilidade de facer esta convocatoria deriva da recente comunicación -do pasado 21 de outubro- por parte do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación ás comunidades autónomas sobre a autorización da Comisión Europea para realizar dita destilación.
A destilación voluntaria de crise é unha das actuacións de intervención de mercados que permite a Unión Europea cando, como neste caso, se dá unha situación derivada da problemática na comercialización dos viños, especialmente dos tintos e rosados, algo que ocorre a nivel internacional e tamén dentro da UE e ao que estas denominacións de orixe de Galicia non son alleas.