A directora da EGAP clausura o Curso Superior de Técnico de Urbanismo celebrado na escola
No acto interveu tamén a directora xeral de Urbanismo, Mª Encarnación Rivas, que fixo fincapé na importancia de avanzar cara á un urbanismo responsable, sostible e cooperativo, que garanta unha ordenación equilibrada e de calidade do territorio galego
Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2025
A Xunta participou na clausura do Curso Superior de Técnico de Urbanismo. A directora da Escola Galega de Administración Pública, Sonia Rodríguez Campos, interveu no acto co que se pechou o curso, convocado en colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG).
Os obxectivos da formación foron facilitar ao alumnado a adquisición dos coñecementos teórico-prácticos e habilidades que o capaciten para actuar no mundo da ordenación do territorio e do urbanismo e responsabilizarse dos procesos de xestión do solo. Para iso partiuse da análise e do estudo pormenorizado da normativa de ordenación do territorio e urbanística, con especial atención á autonómica galega, combinando o estudo dos fundamentos teóricos cunha completa formación práctica.
A directora da EGAP recordou que o urbanismo afronta os seus maiores retos en canto a planificación territorial e ordenación urbana, e incidiu na importancia de contar con profesionais expertos nesta materia con capacidade de garantir un desenvolvemento territorial e paisaxístico sostible, responsable e ordenado na nosa Comunidade Autónoma.
“O territorio e a paisaxe son patrimonio de todos e constitúen unha das maiores riquezas que temos, de aí que resulte imprescindible o coñecemento da ordenación urbanística e da regulación vixente, tradicionalmente complexa tanto pola confluencia de competencias estatais e autonómicas na materia como polas particularidades do noso territorio”, dixo, agradecendo a colaboración do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e o labor dos directores deste curso.
Pola súa banda, a directora xeral de Urbanismo, Mª Encarnación Rivas, que tamén participou no acto de clausura, fixo fincapé na importancia de avanzar cara a un urbanismo responsable, sostible e cooperativo, que garanta unha ordenación equilibrada e de calidade do territorio galego.
Na súa intervención puxo en valor o esforzo dos concellos galegos, que xa contan con 124 planeamentos urbanísticos renovados que garanten unha maior calidade de vida dos cidadáns. Son 145 os concellos co planeamento adaptado á LOUG (119 PXOMs e 5 Plans Básicos Municipais), beneficiando a preto do 40% da poboación galega.