A delegada da Xunta en Ferrol destaca o papel das mesas locais contra a violencia de xénero no transcurso dunha reunión en Neda

Neda (A Coruña), 13 de novembro de 2025

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na reunión da mesa local de coordinación interinstitucional sobre esta materia celebrada no Concello de Neda. No encontro, avaliáronse, entre outros aspectos, as actuacións a desenvolver para mellorar a coordinación neste ámbito.

Aneiros puxo o aceno na importancia destas xuntanzas que agrupan no ámbito municipal políticas e actuacións para a erradicación da violencia de xénero e reiterou a colaboración do Goberno galego, tanto para intensificar o labor das mesas xa constituídas como a de Neda, como para apoiar a creación de novas, naqueles municipios onde aínda non estean constituídas.

As mesas locais de coordinación contra a violencia de xénero teñen como obxectivo mellorar a detección precoz de casos de violencia de xénero, optimizar a coordinación dos axentes implicados na loita contra este tipo de violencia, ofrecer atención e unha resposta áxil ás vítimas, mellorar a súa protección e informar e sensibilizar na materia tanto a profesionais como á poboación en xeral.

No transcurso da reunión, a delegada territorial deu conta tamén dalgunhas das medidas recollidas polo Goberno galego nos Orzamentos 2026 en materia de loita contra a violencia de xénero en cuxas políticas investiranse preto de 25 M€. Así destacou os  4,2M€ destinados á prestación periódica, unha prestación única en España con estas condicións, que chega a 653 mulleres; o aumento de 1,5M€ da partida para darlle ás vítimas solucións habitacionais; o reforzo da Rede Galega de Acollemento, con 1,2M€; a posta en marcha dos catro  CIMS móbiles, con 4M€; ou as partidas que suman 4,4M€ para a inserción laboral das mulleres.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/11/2025