A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e a directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, visitou hoxe estas actuacións

A Xunta avanza na urbanización do ámbito autonómico da ETEA, o PS-6, e urxe ao concello de Vigo e á Zona Franca a sinatura do convenio para desenvolver o PS-1

O Goberno galego comezou en primavera estas obras nunha área de máis de 20.000 m², entre as instalacións deportivas e a praza de Armas, e xa se acometeron as demolicións de edificios e pavimentos e movementos de terras para os novos viarios

Na actualidade os traballos céntranse nas canalizacións dos servizos, nos novos pavimentos e nos muros de contención necesarios para o sistema viario

O obxectivo é rematar no segundo semestre do vindeiro ano esta intervención, que vai garantir o subministro dos servizos básicos para a posta en marcha da residencia de maiores pública autonómica que construirá a Fundación Amancio Ortega

Allegue lembrou que a Xunta vén de enviar unha carta ao alcalde de Vigo e ao delegado da Zona Franca, urxindo a sinatura do convenio para poder urbanizar o vial principal que vertebra a ETEA e a Praza de Armas, así como as redes de servizos e as súas conexións

Vigo, 14 de novembro 2025

A Xunta avanza na urbanización do ámbito autonómico da ETEA, o PS-6, e urxe ao Concello de Vigo e á Zona Franca a sinatura do convenio para desenvolver o PS-1.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e a directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, visitou hoxe as obras que o Goberno galego está a executar neste ámbito.

Allegue reiterou o compromiso da Xunta coa cidade olívica e coa recuperación das antigas instalacions da ETEA para a cidadanía. Neste sentido, puxo en valor as obras que está a impulsar o Goberno galego no ámbito PS-6 dende hai meses.

Trátase dunha área de máis de 20.000 m², entre as instalacións deportivas e a praza de Armas, onde a Xunta xa acometeu demolicións de edificios -aulas, Patiño e Corpo de Garda- e pavimentos e movementos de terras para os novos viarios.

Na actualidade os traballos céntranse nas canalizacións dos servizos, nos novos pavimentos e nos muros de contención necesarios para o sistema viario.

María M. Allegue salientou que a intervención avanza a bo ritmo e o obxectivo é tela rematada no segundo semestre do vindeiro ano.

Lembrou que as obras neste ámbito PS6 permitirán, ademais, garantir o subministro dos servizos básicos para a construción da residencia de maiores pública autonómica que construirá a Fundación Amancio Ortega.

Salientou que a residencia contará con instalacións de máxima calidade, polo que resulta fundamental urbanizar  a contorna e mellorar os accesos para que estean ao mesmo nivel que o novo edificio.

Por outra parte, recordou que a Xunta segue á espera de asinar o acordo co Concello de Vigo e a Zona Franca co fin de  asumir integramente, grazas a un investimento de 10,5M€, o custe da urbanización do vial principal que vertebra a ETEA e a Praza de Armas, así como as novas redes de servizos e as súas conexións exteriores.

A este respecto, as conselleiras de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e de Política Social, Fabiola García, veñen de enviar unha carta ao alcalde de Vigo e ao delegado da Zona Franca, urxindo a asinar o convenio acordado hai máis de 6 meses para que as melloras proxectadas no recinto sexan unha realidade antes que a Fundación Amancio Ortega entregue a futura residencia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/11/2025