A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, deu conta hoxe dos detalles desta actuación

A Xunta licita as obras de mellora da estrada OU-540, entre Celanova e Bande, ao paso por Verea, que suporán un investimento de 6 M€

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe a licitación desta intervención e establece un prazo de presentación de ofertas ata o vindeiro 15 de decembro

Os traballos previstos, cun prazo de execución de 18 meses, comezarán na primavera do vindeiro ano

Acondicionarase un tramo ao longo de 14 quilómetros, onde se ampliará a plataforma da vía, se habilitarán terceiros carrís, se rectificarán curvas ou se mellorará o firme

Nos núcleos de Agrelo e Carballo prevense sendas peonís nas marxes desta estrada 

A Xunta aposta pola vertebración do interior de Galicia para mellorar as comunicacións entre municipios, asentar poboación e contribuír á competitividade económica

Bande (Ourense), 18 de novembro 2025

A Xunta licita as obras de mellora da estrada OU-540, entre Celanova e Bande, ao paso por Verea, que suporán un investimento de 6M€.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse hoxe ata Bande para dar conta desta actuación.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe a licitación desta intervención e establece un prazo de presentación de ofertas ata o vindeiro 15 de decembro.

Allegue subliñou que o obxectivo da Xunta é comezar estes traballos na primavera do  vindeiro ano 2026 e desenvolvelos ao longo dun prazo de execución de arredor de 18 meses.

Trátase do acondicionamento da OU-540, concretamente do tramo Celanova- Bande, pasando por Verea, un treito que suma unha lonxitude de 14 quilómetros.

As obras inclúen o pavimentado de todo o tramo, a ampliación da plataforma, a creación de terceiros carrís para o adiantamento ou a rectificación de varias curvas.

O proxecto tamén contempla para os núcleos de Agrelo e Carballo, no municipio de Verea, a dotación de sendas peonís nas marxes da citada estrada autonómica.

María M. Allegu puxo en valor o compromiso da Xunta coa vertebración da provincia de Ourense cos obxectivos de mellorar as comunicacións, contribuír ao asentamento poboacional, especialmente no rural, e reforzar o dinamismo económico e o desenvolvemento social.

Neste sentido, detallou que así o reflicten os Orzamentos da Xunta para o próximo ano, que consignan para as infraestruturas unha dotación de 263M€, reforzando a conservación e a seguridade viaria  cun investimento récord de 71,6M€.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/11/2025