A Xunta adxudica por 17,7 M€ as obras de construción do novo Instituto Domingo Villar, en Vigo

Trátase do primeiro instituto de Galicia deseñado seguindo os parámetros académicos, tecnolóxicos e de sostibilidade recollidos no Plan de nova arquitectura pedagóxica e terá capacidade para 700 alumnos

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2025

A Xunta vén de adxudicar por 17,7M€ as obras de construción don novo Instituto Domingo Villar, en Vigo. A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas licitou esta actuación deseñada e financiada pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP.

Os traballos adxudicáronse á UTE Ogmios Proyecto S.L.-Vías y Construcciones S.A.

O futuro IES Domingo Villar será o primeiro instituto de Galicia deseñado seguindo os parámetros académicos, tecnolóxicos e de sostibilidade recollidos no Plan de nova arquitectura pedagóxica. O centro dará resposta á veciñanza de Navia e ás necesidades de escolarización na zona, así como doutros centros da contorna.

O instituto terá capacidade para arredor de 700 alumnos de ESO e Bacharelato e ocupará unha superficie total de case 8.200 metros cadrados, divididos en edificio principal de aulario, ximnasio, espazos complementarios e biblioteca.

A organización espacial será versátil, con espazos interactivos para fomentar novos modelos de aprendizaxe, dinámicos e adaptables, na liña dos parámetros do Plan de nova arquitectura pedagóxica. O novo edificio será accesible e inclusivo e está pensado para procurar a eficiencia enerxética.

Todas as aulas e zonas sensibles disporán de protección acústica e o proxecto integra a masa arbórea situada ao norte da parcela, de especies autóctonas con valor ambiental e paisaxístico. Este espazo funcionará como eixo vertebrador das circulacións do novo centro e como un patio verde.

Ademais, o centro estará dotado cunha zona de aparcamento de bicicletas, inmediata ás novas ciclovías do barrio de Navia, para apoiar a nova mobilidade de proximidade.

A licitación destes traballos do IES de Navia por parte da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas responde á encomenda de xestión, coa que se articula un acordo de colaboración entre as consellerías de Educación e Vivenda para posibilitar a construción do centro.

Data de actualización: 22/11/2025