Sae a licitación a obra de mellora da drenaxe da PO-550 e PO-504 na que a Xunta investirá preto de 520.000 euros

O delegado territorial visitou o lugar e explicou que a actuación permitirá mellorar a separación entre as augas pluviais e fecais

Os traballos tamén mellorarán un tramo da beirarrúa da PO-504

Meaño (Pontevedra), 28 de novembro de 2025

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá a PO-550, no concello de Meaño, onde a Xunta vai levar a cabo uns traballos de mellora da drenaxe. 

A actuación, que tamén afecta a un tramo do concello de Sanxenxo e á PO-504, contará cun orzamento aproximado de 520.000 euros e sae hoxe a licitación, polo que as empresas interesadas teñen ata o día 19 de xaneiro do próximo ano para presentar as súas propostas. 

O delegado territorial, acompañado polo alcalde de Meaño, Carlos Viéitez, e o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, explicou que esta obra permitirá “solucionar a conexión das redes de pluviais e fecais nestas estradas, de xeito que funcionen separadamente, co obxectivo de eliminar as incidencias observadas na marxe esquerda da ría de Arousa”. 

Segundo dixo Reguera, esta actuación tamén permitirá aliviar o traballo da depuradora de Meaño, que da servizo aos dous concellos e á cal deixarán de chegar as augas pluviais. 

Cabe destacar que os traballos tamén contemplan a mellora do itinerario peonil da PO-504, co aumento do ancho da beirarrúa da marxe esquerda da estrada entre os puntos quilométricos 4+260 e 4+340.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/11/2025