Medio Rural publica no DOG a declaración de proxecto de interese autonómico da ampliación de Casa Grande de Xanceda

A iniciativa acadou esta consideración pola contribución das súas actividades no eido agroalimentario ecolóxico galego, sendo un modelo de desenvolvemento económico sostible no rural

Preténdese ampliar a fábrica de iogures e construír unha planta de biogás para o tratamento de xurros, así como habilitar novas oficinas, unha aula natura e unha sala multiusos para as actividades turísticas e de formación que desenvolven

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2025

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se declara como proxecto de interese autonómico (PIA) a ampliación de Casa Grande de Xanceda, no concello de Mesía, aprobada pola Consellería do Medio Rural pola contribución da súas actividades ao sector agroalimentario e ao medio rural en xeral.

O obxectivo desta iniciativa é planificar, a nivel organístico e territorial, a ampliación desta industria láctea co fin de dispoñer de máis instalacións para o desenvolvemento de actividades complementarias á gandeira.

En concreto, preténdese ampliar a fábrica de iogures e construír unha planta de biogás para o tratamento de xurros, en liña coa produción de enerxías renovables de autoconsumo. Habilitaranse tamén novas oficinas, unha aula natura e unha sala multiusos para as actividades turísticas e de formación que desenvolve Casa Grande de Xanceda, o que permitirá o redeseño da casa agraria do século XVII actualmente existente. Deste xeito, ampliaranse as instalacións actuais -que abranguen 4.930 metros cadrados- con 9.701 metros cadrados de novas instalacións, o que faría un total de 14.631 metros cadrados de industria láctea.

As actividades desenvolvidas por esta industria teñen unha gran influencia no sector agroalimentario ecolóxico galego, sendo un modelo de desenvolvemento económico sostible no rural por combinar un equilibrio entre unha ecoindustria e o coidado do medio ambiente e benestar animal, promover a formación e a concienciación ambiental mediante visitas guiadas, ofertar programas de educación escolar e realizar accións solidarias.

Data de actualización: 02/12/2025