Medio Rural reforzará as medidas a prol da remuda xeracional a través da formación, a titorización e os apoios para a incorporación ao agro
María José Gómez sinalou no Parlamento que a remuda é unha prioridade estratéxica do seu departamento para garantir que a mocidade teña oportunidades reais para desenvolverse profesionalmente no rural
Lembrou que este ano destináronse 36 millóns de euros para as axudas de incorporación de mozos ao agro e salientou que máis de medio milleiro de persoas se beneficiaron do programa de titorización para facilitar o inicio da súa actividade
Ademais, avanzou que este mes publicaranse as bases das axudas para a sucesión de explotacións agrarias, unha achega ligada ao Banco de Explotacións xa en marcha
Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2025
A Consellería do Medio Rural reforzará as medidas a prol da remuda xeracional a través da formación, a titorización e os apoios para a incorporación ao agro. Así o trasladou hoxe a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, no Parlamento en resposta a unha pregunta sobre esta cuestión. Neste sentido, sinalou que a remuda é unha prioridade estratéxica do seu departamento para garantir que a mocidade teña oportunidades reais para desenvolverse profesionalmente no rural.
A conselleira destacou especialmente a importancia da formación, imprescindible para contar con profesionais preparados e con explotacións rendibles, modernas e competitivas. Exemplo disto, explicou, son os 566 estudantes cos que contan os centros de formación e experimentación agraria dependentes da Consellería. A maiores, destacou que o índice de inserción laboral atópase próximo ao 100%, polo que reafirmou que o rural é sinónimo de futuro.
Gómez detallou que este 2025 programáronse 169 accións formativas, máis de 3.500 horas e 4.000 prazas cun investimento que supera os 540.000 euros, todo co obxectivo de seguir apoiando a formación dos profesionais do agro. Lembrou tamén a posta en marcha da rede de espazos de especialización e innovación, coa que se apoia a transformación, a comercialización e a mellora do valor engadido das producións.
Por outra banda, fixo fincapé no papel fundamental que teñen as axudas á incorporación de mozos que, cuxa convocatoria de 2025, está dotada con 36 millóns de euros, con achegas concretas de ata 320.000 euros. Resaltou que desde o ano 2009 incorporáronse máis de 5.000 mozos ao agro a través destas axudas que agora se complementan cun programa de titorización, do cal xa se beneficiaron máis de medio milleiro persoas acompañadas por 48 titores para facilitarlles o inicio da súa actividade.
Posta en marcha do Banco de Explotacións
A conselleira destacou tamén que este mesmo ano empezou a funcionar o Banco de Explotacións para conectar a persoas que pretendan cesar na súa actividade con aquelas interesadas no seu arrendamento, permuta ou adquisición. Actualmente, detallou, xa hai explotacións incluídas no visor público do Banco de Explotacións pertencentes ás catro provincias galegas e existen solicitudes de mediación.
Ademais, avanzou que neste mes publicaranse as bases reguladoras das axudas para a sucesión de explotacións agrarias, unha achega ligada ao Banco de Explotacións e que contará cun importe de 2,1 millóns de euros ata 2029.
A conselleira tamén destacou que se está traballar no impulso da formación agroforestal, reforzando a I+D+i, pero tamén mellorando as infraestruturas rurais para apoiar os servizos públicos que se ofrecen desde estas contornas. Ao mesmo tempo, salientou as actuacións en mobilización de terras e a aposta polo asociacionismo, entre outras actuacións.
Por último, destacou o papel das mulleres e puxo en valor as políticas dirixidas a elas. Neste sentido, lembrou que Galicia contará co Estatuto da Muller Rural pola súa contribución ao desenvolvemento do campo galego.