O director da Amtega participa nun encontro que aborda as últimas tendencias europeas en soberanía tecnolóxica e intelixencia artificial
Analizouse o potencial de dispoñer dun Modelo de Linguaxe local e soberano, sen dependencia da nube nin das plataformas corporativas locais
A Xunta contempla esta posibilidade para o desenvolvemento da súa Plataforma de analítica avanzada de datos, para dispoñer de produtos e recursos sen depender de condicións externas
Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2025
O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Julián Cerviño, participou esta mañá no evento Mistral e o futuro da IA no sector público, no que se analizaron as tendencias e retos europeos arredor da soberanía tecnolóxica en intelixencia artificial.
O encontro, organizado por Gartner, contou coa intervención do CEO de Mistral, unha das compañías europeas máis destacadas no desenvolvemento de Modelos Grandes de Linguaxe (LLM), que deu a coñecer a estratexia da empresa para reforzar un ecosistema europeo forte, independente e competitivo fronte ás grandes tecnoloxías globais.
Mistral é unha das poucas iniciativas europeas que compiten no mercado internacional dos LLM, un ámbito actualmente liderado por empresas estadounidenses e chinesas. O proxecto europeo destaca pola súa aposta por modelos abertos, capacidade de execución local e control pleno sobre os datos e os procesos de inferencia.
Durante a reunión analizouse o potencial de dispoñer dun LLM local e soberano, non dependente da nube nin das plataformas corporativas globais. Esta posibilidade encaixa cos obxectivos do Programa Galego de Intelixencia Artificial, concretamente no Eixe 3 Adopción estratéxica da IA, que contempla entre as súas actuacións a posta en marcha dunha Plataforma de servizos transversais de analítica avanzada de datos e intelixencia artificial. A Plataforma inclúe, tamén, o desenvolvemento de modelos de linguaxe propios e a implementación dun LLM galego, que permitiría á Xunta dispoñer de produtos e recursos sen depender de condicións externas.
A iniciativa procura facilitar que Galicia dispoña de infraestruturas e capacidades tecnolóxicas propias que garantan seguridade, control dos datos públicos e privados e aliñamento co marco regulamentario europeo.