O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración visitou esta mañá varios dos novos locais acondicionados que veñen de abrir ao público esta ponte
A Xunta destaca en Ribadavia o dinamismo comercial xerado polo proxecto Vilas Vivas que vén de arrancar coincidindo co evento ‘Artesanía, Saber e Sabor’
José González comprobou hoxe o funcionamento dos primeiros locais xa abertos en Ribadavia coincidindo co evento ‘Artesanía, Saber e Sabor’ e destacou o interese que están a xerar entre o público e o tecido emprendedor
Tres destes locais xa están adxudicados a Pura Vila, Colmado de Sabores e A Tafona do Camiño, mentres que o resto acollen propostas e exhibicións artesanais ao abeiro do mercado e continuarán abertos ao público durante todo o Nadal
Subliñou que a acollida do proxecto, que contará con 15 locais abertos en 2026, confirma o potencial deste modelo pioneiro de revitalización comercial cuxo obxectivo é converter espazos en desuso en negocios abertos rendibles e xeradores de emprego
González valorou tamén as sinerxías entre Vilas Vivas, a programación de Nadal do concello e o tecido comercial local, que nesta edición conta por primeira vez cun espazo propio para os establecementos na Alameda
Precisamente na Alameda presentouse hoxe Ribeiro Secreto, iniciativa de posta en valor do xeodestino Ribeiro–Carballiño da que José González destacou as sinerxías con Vilas Vivas e o pulo aos produtos tractores de cada comarca
Ribadavia (Ourense), 7 de decembro de 2025
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, visitou hoxe en Ribadavia varios dos novos locais comerciais recuperados no marco do proxecto Vilas Vivas, que veñen de abrir as súas portas coincidindo coa celebración do evento Artesanía, Saber e Sabor. Durante o percorrido, subliñou o dinamismo xerado pola iniciativa e o interese que está a espertar entre visitantes e emprendedores.
O titular autonómico comprobou o funcionamento dos primeiros espazos habilitados —dos 15 previstos para 2026—, tres deles xa adxudicados a Pura Vila, Colmado de Sabores e A Tafona do Camiño, un que se adicará á Casa do Artesán de Ribadavia e o resto acollendo propostas e exhibicións artesanais ao abeiro do mercado e que continuarán abertos ao público durante todo o Nadal. Segundo sinalou, o feito de que estes locais reacondicionados estean atraendo público, activando consumo e reforzando o comercio local demostra o potencial deste modelo, que a Xunta impulsa de xeito piloto en Ribadavia co obxectivo de estendelo posteriormente a outras vilas históricas galegas con alta presenza de baixos pechados, valor patrimonial e unha produción local senlleira enraizada no territorio.
O conselleiro lembrou que Artesanía, Saber e Sabor continúa desenvolvendo a súa programación ata mañá luns en horario de 11,00 a 14,00 h e de 16,00 a 20,00 h. Ademais dos obradoiros de Artesanía de Galicia distribuídos no Mercado de Artesanía —na Igrexa da Madalena— e nos locais habilitados, a carpa de Artesanía Alimentaria situada na Praza Maior acolle 31 produtores e 14 adegas da Denominación de Orixe Ribeiro. A xornada de hoxe inclúe tamén un obradoiro aberto ao público de encadernación xaponesa impartido por Peixesapop, así como os sorteos diarios de lotes de Artesanía Alimentaria e Artesanía de Galicia e os cursos —que precisaban de inscrición previa— Adornos de Nadal de cestería e Elaboración dun centro de Nadal impartidos respectivamente por Jualia de la Cal (La Parabólica) e Sonia Álvarez (Olueis).
Aposta pola promoción dos produtos de calidade
No caso do mercado de Artesanía Alimentaria, trátase do primeiro que se celebrará este Nadal na nosa comunidade. Do 12 ao 14 de decembro terá lugar un en Ferrol e, do 19 ao 21, en Lugo co gallo de poñer de relevo o bo facer dos produtores galegos. Nese seno, actualmente o selo de Artesanía Alimentaria conta con 151 operadores que ofrecen unha ampla variedade de produtos para todos os gustos.
Estes mercados alimentarios enmárcanse dentro do Plan Saborea Calidade Diferenciada de Galicia, a través do cal se promocionan os distintos indicativos cos que conta a comunidade, e ao cal no próximo ano se destinarán 10 M€, dous máis que neste 2025.
Presentación do proxecto Ribeiro Secreto
González destacou igualmente as sinerxías xeradas entre Vilas Vivas, a programación de Nadal do Concello e a ambientación comercial da vila, á que se suma este ano a presenza dun espazo específico para os establecementos de Ribadavia na Alameda, así como o embelecemento de locais históricos e a integración estética dalgúns negocios coa imaxe do proxecto.
Precisamente na Alameda, e acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, o conselleiro asistiu á presentación de Ribeiro Secreto, unha nova caixa de experiencias e de aloxamento vinculada ao xeodestino Ribeiro–Carballiño. A iniciativa, froito da colaboración público–privada entre o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), Novo Rural e Mirabeles Lifestyle, busca poñer en valor os aloxamentos da zona, a paisaxe vitivinícola e a gastronomía local, contribuíndo á atracción de visitantes. O conselleiro sinalou que proxectos como este exemplifican a importancia de xerar sinerxías e encaixan coa filosofía de Vilas Vivas, baseada nun modelo integral que procura aproveitar os produtos tractores de cada comarca e a colaboración entre todos os axentes implicados para impulsar o desenvolvemento local.