O presidente da Xunta de Galicia entrega os títulos que supoñen unha reordenación territorial de máis de 900 hectáreas pertencentes a uns 500 titulares
Rueda defende a concentración parcelaria como ferramenta fundamental para manter un rural coidado e produtivo
Sinala que a reestruturación no concello dezán permitiu multiplicar por tres o tamaño medio das parcelas e reducir o seu número nun 72%
Desde 2020, a Xunta rematou 37 concentracións parcelarias, que abranguen máis de 25.800 hectáreas e beneficiaron a máis de 19.800 propietarios
Lalín (Pontevedra), 5 de decembro de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a concentración parcelaria como un instrumento fundamental para o desenvolvemento do agro galego e manter un rural coidado e produtivo. Así, apuntou que estes procesos contribúen a “modernizar o rural, facelo máis vivible, e adaptarnos aos tempos para que a xente quede aquí”.
Así se referiu durante a súa participación, xunto á conselleira de Medio Rural, María José Gómez, no acto de entrega dos títulos da concentración parcelaria na parroquia de Vilatuxe, no concello de Lalín. Un proceso que supón unha reordenación territorial de 911 hectáreas e afecta a 515 veciños.
Esta concentración, tal e como apuntou Rueda, permitiu multiplicar por tres a dimensión das parcelas e reducir o seu número nun 72% –inicialmente estaba dividida en 4.445 parcelas cunha superficie media de 2.049 metros cadrados–, para o que a Xunta destinou preto de 4 millóns de euros.
Un traballo, como apuntou o presidente autonómico, que require de “moita planificación e moito compromiso de todos os que o fixeron e de todos os veciños” e que é fundamental para acabar co minifundismo, para que as propiedades sexan máis grandes e útiles; fixar poboación e reducir custos ás explotacións, entre outros.
Compromiso a futuro
Consciente desa importancia no conxunto de Galicia, o vindeiro ano a Xunta destinará 16,7 M€ a estes proxectos, case catro máis con respecto a este ano. Ao mesmo tempo, Alfonso Rueda asegurou que o Executivo galego traballa para que os procesos sexan máis áxiles e lembrou que, desde 2020, se remataron 37 concentracións parcelarias –incluíndo esta de Vilatuxe–, que abranguen case 30.000 hectáreas e beneficiaron a preto de 20.000 propietarios.
A Xunta seguirá impulsando estes procesos da man da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que contempla ferramentas como os polígonos agroforestais ou as permutas de especial interese agrario.
Este mesmo ano, convocouse unha nova liña de axudas cun orzamento de 100.000 euros para o bienio 2025-2026 para financiar gastos de asesoramento técnico, acondicionamento de terreos e trámites notariais e rexistrais. Ademais, a Xunta ten en marcha o Plan Camiña Rural, que estará dotado cun orzamento de 17,7 M€ para 2026 para ampliar e mellorar os camiños que formen parte da rede viaria de acceso a un ou varios núcleos de poboación.