A Xunta licita por máis de 190.000 euros a humanización da praza de Santa María en Ferreira, no Concello do Valadouro
A intervención enmárcase no Plan Hurbe e suporá a mellora de parte desta praza, con intervencións para facilitar a circulación peonil, ademais da disposición de beirarrúas, instalación de mobiliario urbano e a limpeza do cruceiro, entre outras
O prazo de presentación de ofertas finalizará o vindeiro día 2 de xaneiro de 2026
Santiago de Compostela, 14 de decembro 2025
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas Xunta licitou por un importe de 191.399 euros as obras de humanización da praza de Santa María, en Ferreira, no concello do Valadouro.
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle esta licitación, establecendo un prazo de presentación de ofertas que finalizará o vindeiro día 2 de xaneiro de 2026. As obras terán un prazo de execución de 8 meses.
A través desta intervención, mellorarase parte desta praza, de xeito concreto a cara este, nunha superficie de 1.141 metros cadrados. Prevense actuacións no pavimento para diferenciar a zona de tráfico e a de uso peonil e a eliminación de desniveis para facilitar a circulación peonil, ademais da disposición de beirarrúas.
Os traballos completaranse coas liñas de alumeado público, a disposición de bancos, papeleiras e xardineiras circulares, que se poden mover en caso de ocuparse a praza con algún mercado ou actuación, e tamén coa substitución da varanda existente e a limpeza do cruceiro.
As obras suporán un investimento total de 220.000 euros e enmárcanse nun convenio de colaboración ao abeiro do Plan Hurbe, co que a Xunta colabora coas administracións locais para financiar intervencións de mellora contornas urbanas e accesibilidade. Baixo este acordo, a Xunta asumirá o 70% do orzamento desta intervención, e o Concello do Valadouro achegará o 30% restante. O convenio terá vixencia ata o 31 de decembro do 2026.
A través do Plan Hurbe, o departamento que dirixe María M. Allegue colabora coas administracións locais no financiamento de diferentes tipos de intervencións urbanísticas, actuacións de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.
Ademais, a través de distintas medidas e de liñas de colaboración como o Plan Hurbe, o Goberno galego contribúe a promover o desenvolvemento dos núcleos rurais da comunidade como motores de dinamización, ao converterse en puntos de localización dun importante número de servizos públicos e privados que permiten achegar o modelo urbano a todo o territorio.