Medio Rural aposta polos Mercados de Nadal de Artesanía Alimentaria para achegar ao público xeral os produtos agroalimentarios de calidade

A conselleira explicou que o obxectivo destas iniciativas é a posta en valor deste selo, ao mesmo tempo que se impulsan as canles curtas de comercialización e o consumo de produtos de proximidade

O mercado está a desenvolverse na Praza da Constitución e conta con actividades diversas pensadas especialmente para esta época do ano, como visitas de Papá Noel con reparto de chocolate quente

A iniciativa está enmarcada no Plan Saborea Calidade Diferenciada de Galicia, a través do cal se busca promocionar as certificacións de orixe presentes na comunidade e que para 2026 incrementa o seu orzamento ata os 10 millóns, dous máis que en 2025

Ferrol, 13 de decembro de 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou esta tarde o Mercado de Nadal de Artesanía Alimentaria de Ferrol, organizado pola propia Consellería, e que serve para achegar ao público xeral os produtos agroalimentarios de calidade. Estas iniciativas contribúen tamén á posta en valor deste selo, ao mesmo que se impulsan as canles curtas de comercialización e o consumo de produtos de proximidade.

Gómez realizou un percorrido polos diferentes postos do evento, no que estivo acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, e pola delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, e no que enxalzou a importancia deste distintivo, conformado maioritariamente por empresas pequenas.

O mercado de Nadal de Ferrol desenvolverase ao longo desta fin de semana na Praza da Constitución en horario de mañá e tarde, co fin de que poidan achegarse ata el o maior número de xente posible. Esta edición conta coa presenza dunha trintena de operadores que elaboran unha ampla variedade de produtos, tanto de Artesanía Alimentaria como dos demais selos de calidade existentes en Galicia.

A maiores, co fin de complementar esta oferta gastronómica, a Consellería do Medio Rural preparou un diverso programa de actividades que inclúe obradoiros infantís, catas comentadas e degustacións, especialmente pensadas para esta época do ano. De feito, hai programadas visitas de Papá Noel con reparto de chocolate quente. 

Con este tipo de iniciativas o Executivo galego procura tamén protexer o bo facer dos artesáns para defender a súa profesión ante etiquetaxes enganosas. Neste contexto, lembrou que xa se celebrou un destes mercados Ribadavia a fin de semana pasada e terá lugar outro na cidade de Lugo a partir do venres día 19.

María José Gómez lembrou que o selo Artesanía Alimentaria regulouse no ano 2020 e que na actualidade, cinco anos despois, suma xa 151 operadores adheridos a algunha das máis dunha vintena de normas técnicas vixentes. Ao abeiro destas normas poden elaborarse un amplo abano de produtos, como derivados lácteos e cárnicos, produtos de panadaría e repostería ou conservas vexetais, entre outros.

Plan Saborea Calidade Diferenciada

Neste sentido, a conselleira asegurou que a promoción e posta en valor dos produtos amparados baixo un distintivo de calidade diferenciada é unha prioridade para a Goberno autonómico. A organización e posta en marcha destes mercados está enmarcada no Plan Saborea Calidade Diferenciada de Galicia, a través do cal se busca promocionar as certificacións de orixe presentes na comunidade. Para o ano 2026 afondarase aínda máis neste obxectivo, incrementando ata os 10 millóns de euros o orzamento deste plan, dous máis que en 2025, para seguir impulsando a promoción destes produtos, que “son unha boa mostra de Galicia Calidade”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/12/2025