A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, asistiu hoxe á estrea do alumeado desta ponte que une Pontevedra e Soutomaior

A conselleira Allegue pon en valor a nova iluminación da ponte medieval de Ponte Sampaio, que realza a súa beleza e reforza a seguridade viaria na contorna

O novo alumeado esténdese polo peitoril e o exterior da ponte e contribúe a renovar o aspecto desta infraestrutura e a mellorar a seguridade de peóns e condutores

Dispuxéronse 20 luminarias nos tallamares, encaixadas no peitoril de pedra; e tamén, iluminación ornamental, con 36 proxectores

A iluminación forma parte da obra de posta en valor da ponte que está a acometer a Xunta, cun investimento de case 500.000€ e un remate previsto para a primavera

Pontevedra, 15 de decembro de 2025

A conselleira Allegue pon en valor a nova iluminación da ponte medieval de Ponte Sampaio, que realza a súa beleza e reforza a seguridade viaria na contorna.

A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e a directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, asistiu esta tarde á estrea da iluminación desta ponte que conecta Pontevedra e Soutomaior, seguindo a estrada autonómica PO-264.

O novo alumeado esténdese polo peitoril e o exterior da ponte con máis de medio centenar de luces LED, o que contribúe a renovar o aspecto desta infraestrutura e a mellorar a seguridade de peóns e condutores.

De xeito máis concreto, dispuxéronse 20 luminarias LED nos tallamares, encaixadas no peitoril de pedra; e tamén, iluminación ornamental, con 36 proxectores LED.

Esta iluminación forma parte da obra de posta en valor da ponte que está a acometer a Xunta, mobilizando un investimento de case 500.000€.

Esta intervención, cuxo remate integral se prevé para a vindeira primavera, inclúe labores de conservación, renovación de pavimentos, a substitución dunha varanda, zonas de axardinamento ou a limpeza de paramentos exteriores da ponte.

Os traballos avanzan a bo ritmo, restando por executar o adoquinado, a colocación de lousas dun lado da ponte e o aglomerado dun tramo da travesía do lado de Pontevedra.

A conselleira subliñou que “tanto o alumeado, en concreto, como a intervención en xeral foron deseñados coa máxima exixencia e coidado e co selo de ‘Galicia Calidade’”.

Fixo fincapé “na importancia desta actuación sobre un lugar de paso da veciñanza, pero tamén de milleiros de peregrinos, que cada ano cruzan cara a Santiago, seguindo o Camiño Portugués”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/12/2025