Villaverde convoca o Consello Galego de Pesca para trasladar ao sector o resultado da negociación de TAC e cotas
O órgano consultivo reunirase este venres para avaliar os detalles do acordo que acadaron os ministros de Pesca da UE e que tanto prexudica á frota galega
Santiago de Compostela, 15 de decembro do 2025
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, convocou un Consello Galego de Pesca extraordinario para este venres, co obxectivo de comunicar persoalmente ao sector o resultado do acordo de TAC e cotas ao que chegaron os ministros de pesca da Unión Europea esta pasada fin de semana en Bruxelas e que tanto prexudica os intereses da frota galega.
Na xuntanza, que terá lugar na sede da Consellería do Mar, Villaverde explicará os detalles da negociación, que considera “nada satisfactoria para Galicia”, xa que se acordaron recortes do 70 % nas capturas de xarda, do 40 % na de lirio ou de 13 % na do abadexo. Estes graves descensos son moi semellantes aos que xa recollía a primeira proposta da Comisión Europea, baseada nos informes biolóxicos do Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES).
O resultado pon de manifesto que non se atenderon os criterios socioeconómicos, recollidos nos informes que lle achegou a Xunta tanto á Comisión como ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, e que establecían que as reducións propostas poderían acadar un impacto económico de ata 65 millóns de euros para a frota galega.
O Consello Galego de Pesca é un órgano consultivo fundamental da Xunta de Galicia, presidido pola conselleira do Mar, Marta Villaverde, e que agrupa a cadea mar-industria para asesorar en políticas marítimas e pesqueiras, representando a todos os actores do sector, desde a frota ata a transformación. Este Consello é un foro clave para a toma de decisións estratéxicas do sector en Galicia, e emite ditames, como o recente rexeitamento á proposta para o novo marco financeiro plurianual europeo.