A Xunta insiste na necesidade de cubrir as vacantes da UPA para prestar os servizos con todas as garantías
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes insistiu no Parlamento en que a non cobertura das vacantes da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia reduce a capacidade operativa deste corpo policial e aboca a reaxustar funcións
Diego Calvo recordou que a asistencia ás vítimas de violencia de xénero non forma parte das competencias da UPA e que, de non poder prestala en condicións óptimas, deberá volver asumila a Policía Nacional
Galicia leva dez meses agardando unha resposta á proposta formulada polo Goberno galego para firmar un novo convenio e cubrir as vacantes
Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2025
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, insistiu hoxe no Parlamento na urxencia de cubrir as vacantes da Unidade de Policía Adscrita de Galicia (UPA) para prestar os servizos con todas as garantías. Segundo sinalou o conselleiro, a non cobertura das vacantes por parte do Goberno central, tal e como vén denunciando a Xunta, reduce a capacidade operativa deste corpo policial e aboca ao reaxuste de funcións.
No referido á protección das vítimas de violencia de xénero, cómpre lembrar que é un cometido no que, sendo de competencia estatal, a UPA colabora desde 2016 e que permitiu atender máis de 2.900 vítimas. Pero naquel momento a Unidade Policía Adscrita contaba con 474 axentes dos 500 previstos e na actualidade só hai 338. A Xunta advertiu ao Ministerio de que UPA non poderá asumir a prestación de servicios que non son de competencia autonómica de seguir coa merma de axentes. Unha decisión que se adoptaría precisamente para asegurar a correcta prestación dos servizos, con todas as garantías e da máxima calidade, apuntou Diego Calvo.
Segundo o conselleiro, se a UPA non ten suficientes axentes para garantir a protección das vítimas de violencia de xénero, “será a Policía Nacional a que terá que asumir esa función, que é a quen lle corresponde”. Polo tanto, afirmou, “as mulleres vítimas de violencia de xénero non están nin estarán desatendidas”. Neste punto afirmou que as declaracións da oposición nas que acusan á Xunta de desprotexer ás vítimas son “rotundamente falsas” e lamentou a falla de responsabilidade dos grupos da oposición por intentar xerar alarma con este asunto. Diego Calvo destacou que a Xunta leva “moito tempo advertindo desta situación” e pedindo más efectivos para as forzas e corpos de seguridade en Galicia sen obter resposta por parte do Goberno central.
Vontade de chegar a acordo
Nesta liña, insistiu na vontade do Goberno galego de chegar a acordos co Goberno central, pero non a costa de sacrificar os intereses de Galicia. Así, salientou que os cambios que pretende facer o Ministerio do Interior na renovación do convenio para o mantemento da UPA suporían multiplicar por tres o orzamento autonómico destinado ao corpo policial, ao impoñerlle á comunidade asumir o pago do 50% das nóminas, que actualmente paga o Estado integramente, ademais dos gastos de funcionamento que xa viña cubrindo.
Para o conselleiro estes termos son “inasumibles” e, fronte a elas, a Xunta propuxo o pasado febreiro que as condicións vixentes continúen para os efectivos actuais, e as nóminas correspondentes á cobertura das novas prazas se asuman segundo as esixencias do Ministerio. Este ofrecemento foi reiterado este mesmo mes de decembro pero a día de hoxe o Goberno central nin contestou nin cubriu as prazas, afirmou.